Créditos ECTS Créditos ECTS: 4.5
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 74.25 Horas de Titorías: 2.25 Clase Expositiva: 18 Clase Interactiva: 18 Total: 112.5
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Psicoloxía Evolutiva e da Educación, Didácticas Aplicadas
Áreas: Psicoloxía Evolutiva e da Educación, Didáctica da Expresión Corporal
Centro Facultade de Ciencias da Educación
Convocatoria:
Docencia: Sen docencia (Extinguida)
Matrícula: Non matriculable
Os obxectivos que nos propoñemos lograr atenden tanto á adquisición de coñecementos básicos sobre a disciplina, como á práctica de destrezas relacionadas cos devanditos coñecementos e á adquisición de certas disposicións valorativas. Consideramos prioritario que os/as alumnos/as cheguen a:
OBXECTIVOS XERAIS
1. Afondar no concepto, teorías e características do xogo.
2. Comprender a importancia de adquirir habilidades e coñecementos a través do xogo.
3. Recoñecer e valorar a importancia do xogo no proceso educativo e a súa importancia na formación íntegra.
4. Deseñar e implementar proxectos de intervención lúdicos, integrados en contextos formais e informais, que favorezan o desenvolvemento global dos nenos e nenas.
5. Determinar técnicas e instrumentos de observación aplicábeis a situacións lúdicas e educativas, para obter información do neno ou nena e do seu proceso de desenvolvemento.
OBXECTIVOS ESPECÍFICOS
1. Aprender a utilizar a socialización a través do xogo.
2. Coñecer as teorías do xogo e o xogo como ensinanza e aprendizaxe.
3. Pór en práctica actividades lúdico motrices, aplicando a metodoloxía didáctica.
4. Afondar no concepto de xoguete como elemento lúdico e didáctico.
5. Programar actuacións a través da metodoloxía lúdica.
A materia Xogo Infantil analiza a evolución do xogo durante o desenvolvemento infantil e a súa importancia como eixe metodolóxico da intervención educativa. O xogo no/a neno/a de 0 a 12 anos é imprescindíbel, non só pola súa evidente función lúdica, senón tamén pola súa contribución ao desenvolvemento normal do/a neno/a e á ensinanza de conceptos, tanto primarios como secundarios, propios da educación da etapa infantil e primaria. No xogo, os nenos e nenas atopan un medio de comunicación, tanto cos seus iguais como coas persoas adultas, o que fai que o seu dominio e coñecemento sexa imprescindíbel para os profesionais que van interactuar con esta poboación, converténdose nun importante medio de acceso ao pensamento real da infancia.
Nesta materia o alumnado poderá afondar en todas as vertentes do xogo infantil, dotándose das habilidades e coñecementos necesarios para promover e implementar situacións de xogo como eixe da actividade e do desenvolvemento infantil.
Os descritores da materia, segundo constan nas Memorias dos Títulos dos Graos en Mestra e Mestre en Educación Infantil e Primaria, concrétanse nos seguintes contidos:
Tema 1. Natureza e importancia do xogo na infancia
- Aproximacións ao concepto de xogo
- Características do xogo
- Diferentes teorías sobre o xogo a través da historia
- Evolución do xogo infantil e a súa importancia no desenvolvemento
- Contribucións do xogo ao desenvolvemento cognitivo, social, afectivo-emocional e motriz
Tema 2. A que xogamos? Os xogos, clasificación e funcións
- Tipoloxía do xogo infantil
- Funcións do xogo: xogar para aprender e aprender a xogar
- O xoguete
Tema 3. O xogo na escola: os procesos de Ensinanza-Aprendizaxe
- Importancia do xogo no marco da Educación Escolar
- Xogo e aprendizaxe escolar.
- Papel do xogo como eixe metodolóxico
Tema 4. O/A educador/a no seu día a día: programación da actividade lúdica
- A intervención do/a educador/a no xogo dos nenos e nenas
- Elaboración de obxectivos: os piares da intervención
- Metodoloxía e estratexias motivadoras
- Deseño, estruturación e organización de espazos e tempos de xogo: programar unha sesión, programar unha actividade
- Recursos e materiais para o xogo
- Observación e avaliación da actividade lúdica
- Xogo e atención á diversidade
Bibliografía básica
- De Puig, I. e Sátiro, A. (2011). Jugar a pensar con niños de 4 a 5 años. Octaedro.
- Delgado, I. (2011). El Juego infantil y su metodología. Ed. Paraninfo.
- García, A. V. e Peñalba, J. L. (2009). El Juego infantil y su metodología. Editex.
Bibliografía complementaria
- Álava, S. (2021). El arte de educar jugando. JDEJ Editores.
- Bañeres, D., Bishop, A. J., Cardona, M. C., Comas, O. et al. (2008). El Juego como estrategia didáctica. Graó.
- Bernabeu, N. (2009). Creatividad y aprendizaje: el juego como herramienta pedagógica. Narcea.
- Cortizas, A. (2013). Tastarabás: Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza. Edicións Xerais de Galicia, S.A.
- Decroly, O. e Monchamp, E. (1998). El juego educativo. Iniciación a la actividad intelectual y motriz. Morata.
- Huizinga, J. (2012). Homo ludens. Alianza Editorial.
- López González, X. e García Fernández, J.M. (2014). Xoguetes naturais: argalladas dos pícaros. Primavera-Verán / Outono-Inverno. Ouvirmos.
- Marín, I. (2018). ¿Jugamos?: Como el aprendizaje lúdico puede transformar la educación. Paidós Educación.
- Martínez, G. (1999). El juego y el desarrollo infantil. Octaedro.
- Moyles, J. R. (1990). El Juego en la educación infantil y primaria. Morata.
- Navarro, V. (2002). El afán de jugar. Teoría y práctica de los juegos motores. INDE.
- Ruiz de Velasco Gálvez, A. e Abad Molina, J. (2011). El juego simbólico. Graó.
- Sánchez Montero, M. (2021). En clase sí se juega: una guía para utilizar y crear juegos en el aula. Paidós.
- Saracho, O. e Spodek, B. (Eds.) (2003). Contemporary perspectives in play in early childhood education. Information Age Publishing.
- Veiga, P. (2001). O libro dos xogos populares galegos: catálogo descritivo e educativo. Sotelo Blanco Edicións.
- Veiga, P. (2001). Xogo popular galego, educación e identificación cultural. Sotelo Blanco Edicións.
- Vygotski, L. (2003). El papel del juego en el desarrollo del niño. En A M. Cole, V. John-Steiner, S. Scribner e E. Souberman (Eds.), El desarrollo de los procesos psicológicos superiores (pp. 141-158). Edit. Crítica.
COMPETENCIAS XERAIS DA TITULACIÓN ÁS QUE CONTRIBÚE A MATERIA
G5. Fomentar a convivencia na aula e fóra dela, resolver problemas de disciplina e contribuír á resolución pacífica de conflitos. Estimular e valorar o esforzo, a constancia e a disciplina personal nos estudantes.
G10. Reflexionar sobre as prácticas de aula para innovar e mellorar a labor docente. Adquirir hábitos e destrezas para a
aprendizaxe autónoma e cooperativa e promovela entre os estudantes.
COMPETENCIAS BÁSICAS ÁS QUE CONTRIBÚE A MATERIA
CB2 - Que os estudantes saiban aplicar o seus coñecementos ao seu traballo ou vocación dunha forma profesional e posúa as
competencias que adoitan demostrarse por medio da elaboración e defensa de argumentos e a resolución de problemas dentro da súa área de estudo.
CB3 - Que os estudantes teñan a capacidade de reunir e interpretar datos relevantes (normalmente dentro da súa área de estudo) para emitir xuízos que inclúan unha reflexión sobre temas relevantes de índole social, científica ou ética.
CB4 - Que os estudantes poidan transmitir información, ideas, problemas e solucións a un público tanto especializado como non
especializado.
COMPETENCIAS TRANSVERSAIS
T.2.- Coñecemento instrumental da lingua galega.
T.3.- Coñecemento instrumental das tecnoloxías da información e da comunicación.
T.4.- Competencia informacional.
A proposta metodolóxica a empregar pretende conxugar o formato de clase expositiva coas metodoloxías activas e participativas, así como o traballo autónomo e a autoaprendizaxe. As actividades presenciais terán como obxectivo introducir e explicar o sentido dos temas, clarificar os conceptos importantes, dar unha visión global dos contidos e relacionar coñecementos para facilitar a significatividade das aprendizaxes, polo que a exposición se acompañará, cando sexa pertinente, de organizadores previos, definicións, cadros sinópticos, esquemas, etc. O apoio de material visual e recursos en rede empregaranse para clarexar os contidos tratados e servir de referencia e punto de partida para os traballos e actividades de carácter grupal.1
Co traballo en seminarios, ademais de afondar máis pormenorizadamente en contidos específicos, preténdese dotar ao alumnado das ferramentas necesarias para a realización dun traballo autónomo (busca e manexo de diferentes fontes de información, elaboración de comparacións a nivel teórico-explicativo, establecemento de relacións conceptuais, propiciar a transferencia da teoría á práctica, aprender a elaborar e presentar informes, confrontación de diferentes puntos de vista e capacidade para construír significados compartidos axudados da labor mediadora do docente). A concreción das tarefas requiridas e os materiais necesarios serán presentados ao alumnado nas correspondentes sesións de clase.
Nas sesións interactivas realizaranse diferentes actividades de carácter práctico que se especificarán na Guía docente de cada un dos temas. Os resultados do traballo, habitualmente realizado en grupo, deberán ser defendidos, nalgúns casos, oralmente ante os/as compañeiros/as e posteriormente debatidos.
Campus Virtual: Para cada un dos temas proporcionaranse as diapositivas empregadas nas exposicións, ao que se lle poderá engadir materiais de estudo específicos para cada tema tratado (lecturas obrigatorias...). A totalidade do material das clases expositivas e interactivas será obxecto de estudo básico para o exame da materia. O Campus Virtual servirá de soporte para compartir este material, así como para entregar traballos e intercambiar comentarios e avisos sobre a materia e as súas sesións.
As titorías individuais e/ou de grupo, a demanda do alumnado, servirán para aclarar ou comentar aspectos do traballo realizado nas clases expositivas e interactivas. Faranse nos horarios sinalados, mediante a ferramenta Microsoft Teams ou de forma presencial no despacho do profesorado.
Na materia prevese o desenvolvemento de, cando menos, unha práctica de campo compartida con outras do curso (visita, encontros con profesionais, celebración de conmemoracións …) na perspectiva dunha actividade interdisciplinar que será abordada e valorada desde cada unha das materias participantes.”
A cualificación global do estudante na materia procederá:
- Un 40% da cualificación dos resultados nunha proba (exame) sobre os contidos dos temas tratados nas clases expositivas e interactivas e nas lecturas obrigatorias. É preceptivo ter aprobado este exame para sumar o resto de cualificacións que contribúen á nota final da materia.
- Un 60% da cualificación do traballo realizado nas sesións interactivas. É preceptivo ter aprobados todos os traballos realizados nas sesións interactivas para sumar a cualificación obtida na proba (exame).
Os criterios de avaliación destas actividades de seminario poderán variar para cada unha delas. Entre os aspectos xerais que se considerarán están, ademais da asistencia obrigatoria e a participación nas clases interactivas, a propia calidade dos contidos, o grao de axuste ás directrices dadas, a competencia expositiva, a orixinalidade e as achegas críticas, e a evidencia de traballo en grupo e non a suma de respostas individuais.
Para poder ser avaliado na materia, o/a estudante deberá ter participado, realizado e presentado, alomenos un 80% das actividades requiridas nas sesións interactivas. A non realización do exame ou das actividades propostas nas sesións interactivas levará consigo unha cualificación de NON PRESENTADO (Atención! “corre convocatoria”). Cando non se supere, xa sexa o exame xa sexan as actividades propostas nas sesións interactivas, a cualificación que figurará en actas será a de SUSPENSO, co valor numérico máis próximo ao 5 " e menor que este" nun e noutro apartado da avaliación.
Os estudantes que non asistan ás sesións interactivas por riba dun 80% NON poderán aprobar a materia na oportunidade de Xaneiro. En sucesivas convocatorias poderán facelo realizando, ademais dunha proba teórico-conceptual, outra de corte práctico-aplicado, que avaliará as competencias procedementais. A proba teórico-conceptual terá un peso do 40% e a proba práctico-aplicada, do 60%.
Os estudantes que non superen a proba, pero teñan aprobadas as actividades realizadas nas sesións interactivas poderán presentarse ao exame oficial de Xullo sen necesidade de facer traballos ou probas adicionais. Os estudantes que non teñan superada algunha das actividades realizadas nas sesións interactivas pero si o exame, en Xullo serán avaliados unicamente daquelas actividades non superadas a través dunha proba práctica.
Nos casos que se contemplan na normativa da Facultade, os estudantes que teñan solicitada e concedida a exención de docencia ou a dispensa de asistencia deberán presentar ao profesorado a devandita certificación ao principio de curso e realizarán esta proba práctico-aplicada en tódalas convocatorias ás que concorran. Nos devanditos casos, o alumnado debe poñerse en contacto co profesorado para, de ser necesario, indicar as directrices apropiadas para o cumprimento do programa e a superación da materia. A proba teórico-conceptual terá un peso do 40% e a proba práctico-aplicada, do 60%.
Calquera traballo copiado suporá o suspenso da materia na correspondente convocatoria. Para efectos avaliativos un mesmo traballo non pode ser utilizado para varias materias, salvo que se programasen de forma coordinada.
É importante que o alumnado se implique activamente dende o inicio na dinámica e funcionamento da materia para lograr superala con éxito. Recoméndase unha abordaxe comprensiva e significativa dos contidos teóricos e prácticos da materia.
* NORMATIVA DE AVALIACION: Dado que a avaliación da materia require de realización de exame, compre sinalar que para os casos de realización fraudulenta de exercicios ou probas será de aplicación o recollido na “Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións”.
* RESPONSABILIDADE MEDIOAMBIENTAL
- Evitar tapas de plástico ou outros envoltorios externos innecesarios.
- Sempre que sexa posible, empregar grampas en lugar de encadernación.
- Imprimir a dúas caras en calidade "aforro de tinta".
- Non empregar folios en branco como separadores de capítulos ou partes.
- Evitar anexos que non teñan referencia directa cos temas desenvolvidos.
- Os traballos realizados polo alumnado deben entregarse, preferentemente, a través da aula virtual.
* PERSPECTIVA DE XÉNERO
Recoméndase facer uso da linguaxe non sexista, tanto no traballo cotiá de aula como nos traballos académicos encomendados.
* Obrigatoriedade de uso da conta de correo rai.
* Obrigatoriedade de emprego das ferramentas tecnolóxicas institucionais: Campus Virtual, Microsoft Office 365, e outras ferramentas facilitadas pola facultade e autorizadas como ferramentas institucionais pola universidade (Lifesize, etc).
* Non se poderá empregar o teléfono móbil, salvo cando se use como instrumento de traballo seguindo as indicacións dadas polo docente, responsabilizándose o alumnado das consecuencias legais e académicas que podan derivarse dun emprego non axeitado do mesmo.
* Ter en conta que o ensino-aprendizaxe (clases / titorías) é un proceso privado, enténdase privado como proceso de comunicación e intercambio entre o/a docente e o estudantado matriculado na materia.
* ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS
Cando as condicións e requisitos da materia, a valoración e coordinación co alumnado ou os orzamentos do centro o permitan, poderanse desenvolver saídas didácticas, experiencias de Aprendizaxe-Servizo (ApS) ou mesmo desenvolver sesións fóra das instalacións da facultade, podendo empregar espazos naturais ou mesmo instalacións deportivas municipais.
* ASISTENCIA A CLASE: O Consello de Goberno de 25 de marzo de 2010 aprobou a Normativa de asistencia a clase nas ensinanzas adaptadas ao EEES:
(http://www.usc.es/export/sites/default/gl/normativa/descargas/normaasis…).
Na mesma expóñense os beneficios da asistencia á clase, entre eles facilita unha “mellor comprensión da materia, a adquisición de competencias en grupos e individuais, a aprendizaxe continua, a interacción directa con outros alumnos e alumnas ou a posibilidade dunha metodoloxía docente-discente máis participativa”. Cabe lembrar que a USC é unha universidade presencial, polo que a asistencia a un mínimo do 80% das sesións de clase é obrigatoria. Nos casos contemplados na normativa da Facultade, os/as alumnos/as poderán solicitar exención oficial de docencia ou dispensa de asistencia. Nestes casos, o alumnado debe poñerse en contacto co profesorado para, de ser necesario, indicar as directrices apropiadas para o cumprimento do programa e superación da materia.
* PROTECCIÓN DE DATOS: Obrigatoriedade do cumprimento da normativa de protección de datos da USC: https://www.usc.gal/gl/normativa/protecciondatos/index.html
María Adelina Guisande Couñago
Coordinador/a- Departamento
- Psicoloxía Evolutiva e da Educación
- Área
- Psicoloxía Evolutiva e da Educación
- Teléfono
- 881813919
- Correo electrónico
- mariaadelina.guisande [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Titular de Universidade
Silvia Basanta Camiño
- Departamento
- Didácticas Aplicadas
- Área
- Didáctica da Expresión Corporal
- Correo electrónico
- s.basanta [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Profesor Interino/a substitución redución docencia
Natalia Rosa Bohorquez Villanueva
- Departamento
- Psicoloxía Evolutiva e da Educación
- Área
- Psicoloxía Evolutiva e da Educación
- Correo electrónico
- natalia.bohorquez [at] usc.es
- Categoría
- Predoutoral Xunta
Martin Barcala Furelos
- Departamento
- Didácticas Aplicadas
- Área
- Didáctica da Expresión Corporal
- Correo electrónico
- martin.barcala [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Axudante Doutor LOSU
Mércores | |||
---|---|---|---|
17:00-18:00 | Grupo /CLIS_01 Infantil (A - Z) | Castelán, Galego | (CAMPUS NORTE) - XIMNASIO |
18:00-19:00 | Grupo /CLIS_02 Primaria (A - Z) + Dobre Grao 4º | Galego, Castelán | (CAMPUS NORTE) - XIMNASIO |
19:00-20:00 | Grupo /CLE_01 Primaria (A - Z) + Infantil (A - Z) + Dobre Grao 4º | Galego | (CAMPUS NORTE) - AULA 01 |
17.01.2025 16:00-18:00 | Grupo /CLE_01 Primaria (A - Z) + Infantil (A - Z) + Dobre Grao 4º | (CAMPUS NORTE) - AULA 01 |
17.01.2025 16:00-18:00 | Grupo /CLE_01 Primaria (A - Z) + Infantil (A - Z) + Dobre Grao 4º | (CAMPUS NORTE) - AULA 03 |
17.06.2025 09:30-11:30 | Grupo /CLE_01 Primaria (A - Z) + Infantil (A - Z) + Dobre Grao 4º | (CAMPUS NORTE) - AULA 13 |