Créditos ECTS Créditos ECTS: 4.5
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 74.5 Horas de Titorías: 2 Clase Expositiva: 18 Clase Interactiva: 18 Total: 112.5
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Enxeñaría Agroforestal
Áreas: Expresión Gráfica da Enxeñaría
Centro Escola Politécnica Superior de Enxeñaría
Convocatoria: Segundo semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
Esta materia optativa ten como obxectivo principal proporcionar ao alumnado habilidades de razoamento espacial, así como ferramentas de expresión gráfica acordes coas novas tecnoloxías da información e coñecementos básicos sobre Normalización neste eido, que lle faciliten as operacións de deseño e representación de obxectos tridimensionais relacionados coa súa futura actividade profesional. Hai que dotar ao alumno/a, futuro/a enxeñeiro/a, dos coñecementos prácticos que lle permitan entenderse e expresarse nunha linguaxe gráfica, común ás distintas profesións técnicas.
Así, os contidos da materia de "CAD. Expresión Gráfica Aplicada" responden a unha meta primordial, que se formula con respecto a esta materia e ao seu bloque formativo: a de conseguir que o alumnado, ao finalizar os seus estudos, sexa capaz de elaborar e xestionar a documentación gráfica necesaria para a redacción dun proxecto da súa especialidade. Neste caso, e dacordo co recollido na Memoria da titulación, os resultados da aprendizaxe nesta materia deben centrarse no adestramento básico na utilización dalgún programa de CAD (preferentemente AutoCAD, pola súa ampla utilización no mundo da enxeñaría), co obxectivo de adquirir os coñecementos necesarios para representar graficamente calquera proxecto.
Para chegar a alcanzar este obxectivo é necesario que o alumnado siga desenvolvendo as seguintes destrezas e habilidades, xa traballadas na materia de Formación Básica de 1º curso, tanto de tipo xenérico (que deberan ser comúns e transversais a todas as materias) como específico:
XENÉRICAS:
a) Capacidade para a análise e a síntese.
b) Capacidade para aprender.
c) Capacidade para resolver problemas.
d) Capacidade para aplicar o coñecemento na práctica.
e) Capacidade para xerar novas ideas (creatividade).
f) Capacidade para a toma de decisións.
g) Capacidade para o traballo autónomo, xa sexa en grupo ou individualmente.
ESPECÍFICAS:
De tipo informativo:
a) O coñecemento de programas de DAO ou CAD como ferramenta rápida e precisa para resolver os problemas de trazados xeométricos de uso habitual nos debuxos da especialidade e para a confección de bases documentais no ámbito das enxeñarías.
b) O coñemento estruturado dun programa universal de CAD para a resolución de problemas espaciais.
c) O coñecemento racional e dedutivo dos fundamentos da Xeometría que permitan resolver os problemas de trazados xeométricos planos de uso habitual nos debuxos da especialidade.
d) O coñecemento aplicado dos principais Sistemas de Representación, dos seus fundamentos e técnicas, con especial dedicación aos Sistemas Diédrico, Axonométrico e de Planos Acoutados.
e) O coñecemento básico da Normalización en xeral e das normas de aplicación ao Debuxo Técnico no ámbito profesional da enxeñaría.
f) O coñecemento da estruturación da documentación gráfica dun proxecto de enxeñaría.
De tipo formativo:
a) A adquisición e fortalecemento de visión e comprensión espacial.
b) A adquisición de destreza no manexo das ferramentas informáticas aplicadas á expresión gráfica, co fin de obter unha boa representación da realidade.
c) A adquisición de capacidade para a interpretación de calquera dos principais Sistemas de Representación, e para facer representacións nos Sistemas Diédrico, Axonométrico e de Planos Acoutados empregando as novas tecnoloxías.
d) A adquisición de capacidade de análise e resolución de problemas gráficos.
e) A adquisición de destreza no manexo dos instrumentos de debuxo e precisión e de hábitos de pulcritude, co fin de obter unha boa calidade dos trazados.
f) A utilización do debuxo a man alzada como instrumento de análise espacial.
Todo isto concorda co recollido na Orde Ministerial CIN/323/2009, pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios que habiliten para o exercicio da profesión de Enxeñeiro Técnico Agrícola, que establece literalmente que o alumnado, na súa formación, debe adquirir “capacidade de visión espacial e coñecemento das técnicas de representación gráfica, tanto por métodos tradicionais de Xeometría Métrica e Xeometría Descritiva, como mediante as aplicacións de deseño asistido por computadora”.
A Memoria do Título contempla para esta materia os seguintes contidos:
-Debuxo técnico en 2D.
-Introdución ao Deseño en 3D.
-Presentación e ploteado.
-Aplicación práctica con distintos programas de CAD.
Estes contidos teóricos e prácticos da materia mistúranse ao longo das clases interactivas, que será a única modalidade, xunto coas titorías en grupo, de clases para o alumnado.
Elíxese un programa de CAD, neste caso o coñecido e ampliamente empregado no mundo da enxeñaría AutoCAD, para o desenvolvemento xeral da materia. Farase en cada tema unha introdución ao seu manexo con respecto aos contidos, e logo resolveranse unha serie de exercicios de aplicación do programa no eido da enxeñaría. Non obstante, poderán empregarse outros programas de CAD (preferentemente de software libre) nalgunha das partes do desenvolvemento da materia.
Son os temas seguintes os que aglutinan eses contidos esenciais e necesarios para superar esta materia; constitúen ao mesmo tempo, polo seu carácter interactivo, a súa programación práctica (que se desenvolverá nas 36 horas interactivas presenciais HP da materia co apoio das horas non presenciais HNP que se sinalan). Non obstante, polo imperativo de separar teoría e práctica, algo con pouco sentido nunha materia eminentemente práctica coma esta, na seguinte relación de temas, faise unha diferenciación entre o tempo presencial teórico (HPt), introdutorio en cada tema, e o tempo presencial práctico (HPp) propiamente dito:
1.- INTERFAZ. INTRODUCIÓN DE COMANDOS E DATOS. (0’5 HPt + 3’5 HPp + 4 HNP)
2.- PRESENTACIÓNS, TEXTOS E ESCALAS. (0’5 HPt + 3’5 HPp + 4 HNP)
3.- COMANDOS DE DEBUXO. (0’5 HPt + 3’5 HPp + 4 HNP)
4.- COMANDOS DE MODIFICACIÓN E CONUSLTA. (0’5 HPt + 3’5 HPp + 4 HNP)
5.- ACOUTAMENTO. (0’5 HPt + 1’5 HPp + 4 HNP)
6.- MANEXO DE IMAXES. (0’5 HPt + 1’5 HPp + 4 HNP)
7.- BLOQUES E ATRIBUTOS. (0’5 HPt + 1’5 HPp + 4 HNP)
8.- EXECUCIÓN DE PLANOS. (0’5 HPt + 2’5 HPp + 6 HNP)
9.- TRAZADO. (0’5 HPt + 0’5 HPp + 2 HNP)
10.- MODELADO 3D. (1 HPt + 5 HPp + 8 HNP)
11.- APLICACIÓN AO ÁMBITO AGROFORESTAL. (0’5 HPt + 3’5 HPp + 10 HNP)
En calquera caso, o seu desenvolvemento temporal non ten porque axustarse estrictamente a este esquema, xa que se vai dar unha visión integrada do programa e da súa aplicación que conleva a necesidade de misturar estes contidos, sobre todo a medida que se avanza na materia.
Bibliografía básica:
Félez, J. e outros. Fundamentos de Ingeniería Gráfica. Sintesis. Madrid, 1996
Montaño La Cruz, F. AutoCAD 2023 (Colección “Manuales imprescindibles”). Anya Multimedia. 2023
Reyes Rodríguez, A.M. AutoCAD 2021 (Colección “Manuales imprescindibles”). Anaya Multimedia. 2021
Bibliografía de consulta (complementaria):
Bertoline, G.R. et al. Engineering and Graphics Communication. Irwin. Chicago,1995
Mora Navarro, J.G. AutoCAD aplicado a la Ingeniería Civil. Editorial de la UPV. Valencia, 2009
Mora Navarro, J.G. AutoCAD aplicado a la Topografía. Editorial de la UPV. Valencia, 2007
Reyes Rodríguez A.M.; Montaño de la Cruz, F. AutoCAD Práctico: 130 ejercicios definitivos. Anaya Multimedia. 2012
Para o desenvolvemento da materia, o Centro tamén proporcionará ao alumnado diferentes recursos, entre os que cabe destacar licencias de software de distintos programas de Deseño Asistido por Ordenador (AutoCAD …) co correspondente hardware.
Asimesmo, o alumnado contará ao inicio de cada sesión práctica cos exercicios a desenvolver na mesma, cun guión detallado dos pasos a seguir.
A materia de “CAD. Expresión Gráfica Aplicada” constitúe coa materia de formación básica “Expresión Gráfica na Enxeñaría”, que o alumnado cursou en 1º, un módulo ou bloque formativo de Expresión Gráfica, de grande interese para o cumprimento dos obxectivos globais da titulación.
Nestas materias o alumnado adquirirá e practicará as seguintes competencias xerais, de formación básica e específicas, que aparecen dentro do cadro de competencias que se deseñou para o conxunto da titulación e que aparecen na Memoria verificada do título, e que como xa se apuntou, concorda co recollido na Orde Ministerial CIN/323/2009, pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios que habiliten para o exercicio da profesión de Enxeñeiro Técnico Agrícola:
Competencias xerais:
- CG1: Coñecemento en materias básicas, científicas e tecnolóxicas que permitan unha aprendizaxe continua, así como unha capacidade de adaptación a novas situacións ou ámbitos cambiantes.
- CG2: Capacidade de resolución de problemas con creatividade, iniciativa, metodoloxía e razoamento crítico.
- CG6: Capacidade para o traballo en equipos multidisciplinares e multiculturais.
Competencia de formación básica:
- FB2: Capacidade de visión espacial e coñecemento das técnicas de representación gráfica, tanto por métodos tradicionais de Xeometría Métrica e Xeometría Descritiva, como mediante as aplicacións de deseño asistido por computadora.
Competencias específicas, xeral e particular da especialidade de Hortofruticultura e Xardinaría:
- CEG1: Capacidade para a preparación previa, concepción, redacción e firma de proxectos que teñan por obxecto a construción, reforma, reparación, conservación, demolición, fabricación, instalación, montaxe ou explotación de bens mobles ou inmobles que pola súa natureza e características queden comprendidos na técnica propia da produción agrícola e gandeira (instalacións ou edificacións, explotacións, infraestruturas e vías rurais), a industria agroalimentaria (industrias extractivas, fermentativas, lácteas, conserveras, hortofrutícolas, cárnicas, pesqueiras, de salgaduras e, en xeral, calquera outra dedicada á elaboración e/ou transformación, conservación, manipulación e distribución de produtos alimentarios) e a xardinaría e o paisaxismo (espazos verdes urbanos e/ou rurais parques, xardíns, viveiros, arboredo urbano, etc., instalacións deportivas públicas ou privadas e ámbitos sometidos a recuperación paisaxística).
- HJ8: Capacidade para coñecer, comprender e utilizar os principios de Hidroloxía. Erosión. Material vexetal: produción, uso e mantemento; ecosistemas e biodiversidade; medio físico e cambio climático. Análise, xestión e plans de ordenación territorial. Principios de paisaxismo. Ferramentas específicas de deseño e expresión gráfica; desenvolvemento práctico de estudos de impacto ambiental; proxectos de restauración ambiental e paisaxística; proxectos e plans de mantemento de zonas verdes; proxectos de desenvolvemento. Instrumentos para a ordenación do territorio e da paisaxe; xestión e planificación de proxectos e obras.
Asimesmo, en concordancia co recollido no apartado dos obxectivos da materia en canto ás destrezas e habilidades a desenvolver no alumnado, pódense establecer tamén como competencias transversais a traballar nesta materia as seguintes:
- CT1: Capacidade de análise e síntese.
- CT2: Capacidade para o razoamento e a argumentación.
- CT3: Capacidade de traballo individual, con actitude autocrítica.
- CT4: Capacidade para traballar en grupo e abarcar situacións problemáticas de forma colectiva.
- CT5: Capacidade para obter información adecuada, diversa e actualizada.
- CT6: Capacidade para elaborar e presentar un texto organizado e comprensible.
- CT7: Capacidade para realizar unha exposición en público en forma clara, concisa e coherente.
- CT8: Compromiso de veracidade da información que ofrece aos demais.
A metodoloxía e actividades a desenvolver na materia de "CAD. Expresión Gráfica Aplicada" adáptanse ás esixencias do Espazo Europeo de Educación Superior. Neste sentido, a distribución entre as diferentes actividades dos 4’5 ECTS desta materia que se presenta a continuación (con 112’5 horas de dedicación total), amosa como o traballo autónomo do estudantado convírtese no protagonista da súa aprendizaxe:
- Clases interactivas = 36 horas presenciais (+ 54 horas de traballo autónomo = 90)
- Titorías en grupo = 2 horas presenciais (+ 4 horas de traballo autónomo = 6)
- Titorías libres = 2 horas presenciais
- Exames = 3 horas presenciais (+ 10'5 de traballo autónomo = 13'5)
- Revisión de exames = 1 hora presencial
Totais: 44 horas presenciais + 68'5 horas de traballo autónomo = 112'5 horas
Aparecen pois uns factores que expresan a relación entre a presencialidade e o traballo autónomo do estudantado que requiren as actividades mencionadas. Así, por exemplo, por cada hora presencial nas clases interactivas, o alumnado deberá dedicar unha e media, fora das aulas, a completar os apuntamentos correspondentes aos diferentes temas tratados, a rematar as prácticas iniciadas ou a aplicar o aprendido a novas situacións.
Deste xeito, a metodoloxía empregada nesta materia obedece a unha serie de actividades que, polo seu carácter participativo, se adaptan ao sistema proposto no EEES, co claro protagonismo do traballo autónomo do alumnado antes mencionado.
Concretamente, a docencia da materia baséase nas seguintes actividades, traballando en todas elas as competencias xerais e específica CG1, CG2, CG6 e CEG1 (e a HJ8 no caso da especialidade de Hortofruticultura e Xardinaría), a de formación básica FB2, e tamén, especialmente nas catro últimas, as transversais CT1, CT2, CT3, CT4 e CT5 recollidas nesta Guía, e en menor medida as CT6, CT7 e CT8 polo tipo de traballo que se desenvolve nesta materia:
- Clases interactivas ou prácticas con computadora en grupos cun máximo de 20 persoas (impartidas nas aulas de informática, para resolver exercicios relacionados cos diferentes contidos da materia). Algunhas destas prácticas poderán estar ligadas a posibles traballos relacionados con proxectos de enxeñaría ou cos Traballos Fin de Grao do alumnado matriculado na materia.
- Titorías en grupo cun máximo de 10 persoas (realizadas tamén na aula de informática, para tratar asuntos relacionados coa materia que requiran dunha maior atención personalizada).
-Titorías libres (atendidas no despacho do profesor, na aula se son de xeito colectivo, ou a través do Curso aberto da materia no Campus Virtual da USC, para tratar de resolver todas as dúbidas que sobre a materia vaian xurdindo ao longo do curso).
-Exame dos contidos e da aplicación práctica dos coñecementos adquiridos.
-Revisións voluntarias (e recomendadas) dos exercicios de exame.
-Apoio na rede cun Curso aberto para esta materia no Campus Virtual da USC.
O debuxo é un xeito fundamental de expresión para o enxeñeiro e o Debuxo Técnico Asistido por Ordenador que se aborda nesta materia é unha potente ferramenta de traballo neste sentido. Polo tanto, a cualificación do alumnado debera reflectir o nivel adquirido na formación necesaria para a súa correcta utilización e presentación.
Así, en todos os exercicios, xa sexan de Prácticas ou de Exame, valoraranse dous aspectos:
1º.- Os coñecementos, a capacidade de resolución e a visión espacial.
2º.- A precisión, a lexibilidade e a pulcritude na resolución e presentación do exercicio.
Deste xeito, a cualificación obtida na corrección do procedemento e resultados dun exercicio, poderá ser rebaixada ata un 30% por mala calidade da presentación ou por pouca precisión no debuxo.
A avaliación da aprendizaxe do alumnado, e polo tanto a forma de medir se adquiriu as competencias xerais, de formación básica e específicas marcadas para esta materia, basearase nun proceso de avaliación continua que levará aparellado un sistema de seguimento e exame final (obrigatorio e complementario a ese seguimento, de carácter eminentemente práctico e coa posible utilización de material de apoio) ao longo do curso. A continuación expóñense as súas principais características:
Para a cualificación final da materia, en primeira ou segunda oportunidade, terase en conta, ademais do exame que se describe a continuación, a asistencia ás clases interactivas e a participación activa nas mesmas (cunha achega do 20% da nota, 2 puntos sobre 10 como máximo) e a realización e presentación do conxunto dos exercicios das prácticas (que suporán en conxunto un 30% da nota da materia, 3 puntos sobre 10 como máximo), tanto as desenvoltas nas clases interactivas (que se irán entregando ao rematar cada sesión a través do Campus Virtual) como as complementarias que se propoñan e que o alumnado terá que resolver e enviar tamén nos prazos establecidos.
O profesor recibirá os envíos destes exercicios nos momentos que se determinen e fará a súa corrección e posteriores comentarios, individuais ou grupais, a través dese mesmo Campus Virtual. A resolución e o envío destes materiais terán carácter obrigatorio, aínda que o alumnado disporá dunha marxe razoable de dispensa, un 20% como máximo, se nalgún momento non fai estes envíos (que en calquera caso menguará a súa nota neste apartado ao ter unha cualificación de 0 nos exercicios non enviados).
EXAME FINAL (primeira oportunidade da convocatoria en curso):
Ao rematar o segundo semestre, no mes de maio ou de xuño (en data oficial fixada polo Centro), realizarase unha proba ou exame final (cunha achega do 50% da nota da materia). Todo o alumnado deberá realizar obrigatoriamente este exame, que forma parte da avaliación continua da materia.
Coa superación deste exame, que se cualificará sobre 5 puntos, podería aprobarse a materia, sempre e cando haxa unha asistencia regular ás clases e se tiveran entregado os exercicios das prácticas. Non obstante, a non superación do mesmo (é dicir, non ter chegado aos 2´5 puntos) non significa que non se poda acadar ese aprobado na materia. Pódese obter o aprobado coa axuda das notas correspondentes á asistencia e á realización dos exercicios das prácticas (sempre e cando se alcancen uns mínimos no exame, que se sitúan na obtención de polo menos un 2 sobre os 5 puntos, aínda que este requeremento poderá modificarse en función do contexto e sempre favorablemente para o alumnado).
EXAME DE XUÑO-XULLO (segunda oportunidade da convocatoria en curso):
No caso de non aprobar a materia na oportunidade anterior, na seguinte (na de xuño-xullo) o alumnado realizará un novo exame de recuperación de toda a materia, cos mesmos requerementos esixidos para o exame final e estando a cualificación definitiva suxeita ás condicións sinaladas anteriormente.
Resumindo, a superación da materia (en 1ª ou 2ª oportunidade) require acadar 5 puntos sobre 10, tendo en conta que o exame supón un 50% da nota, a asistencia e participación nas clases un 20% e a realización e entrega dos exercicios das prácticas de clase e complementarias un 30%. En calquera caso, inicialmente é imprescindible sacar como mínimo 2 puntos sobre 5 no exame da materia para poder ter en conta os outros criterios de avaliación (salvo que se produza a rebaixa que se comentou anteriormente).
Todas estas compoñentes servirán para avaliar conxuntamente as competencias CG1, CG13 e CEFB2, relacionadas con esta materia. En canto ás competencias básicas (CB1, CB2, CB3, CB4 e CB5) e transversais (CT1, CT2, CT3, CT4, CT5, CT6, CT7, CT8) recollidas nesta Guía, serán traballadas ao longo do desenvolvemento docente da materia, sen ser sometidas a un proceso de avaliación específico para comprobar a súa consecución.
No caso do alumnado non matriculado por primeira vez na materia por non tela superada previamente, só terá que facer o exame final (en primeira ou segunda oportunidade) se xa fixo e enviou as prácticas nunha anterior matrícula. Nese caso, as notas acadadas pola asistencia e participación nas clases e polas prácticas feitas no seu día servirán para aplicar os criterios de avaliación comentados para o alumnado matriculado por primeira vez, que tamén serían de aplicación neste suposto.
Se non tivera feitas e enviadas esas prácticas, ou quixera mellorar a nota acadada anteriormente, tería que facer as propostas no presente curso como apoio na preparación da materia, aplicándose tamén nesta situación o sistema de avaliación descrito nos parágrafos anteriores.
Lembrar tamén que todas as clases teñen “carácter presencial e obrigatorio” e polo tanto, levarase un control estrito de asistencia. De non constar unha asistencia superior ao 80%, o alumnado nesas circunstancias non poderá presentarse aos exames, nin na primeira nin na segunda oportunidade. Só quedaría fora desta esixencia o alumnado non matriculado por primeira vez se xa cumpriu ese requisito nunha anterior matrícula.
O alumnado que teña concedida unha dispensa de asistencia, para ser avaliado, terá que facer o exame final (na súa primeira ou segunda oportunidade), tendo que facer tamén as prácticas propostas pola súa conta, co apoio das titorías, para un posterior envío e corrección por parte do profesor (que lle axude a ir adquirindo as competencias relacionadas coa materia). Este traballo autónomo, xunto coa nota do exame, estarían suxeitos ao mesmo sistema de avaliación descrito para os casos anteriores, salvo que neste suposto, ao non haber asistencia e participación nas clases, o 20% da nota correspondente a este criterio sumaríase ao 30% marcado para as prácticas, que agora suporían o outro 50% da cualificación final.
Dicir por último que ante a realización fraudulenta destes exercicios e probas será de aplicación o recollido na “Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións” da USC.
Co sistema de créditos ECTS, aparte da asistencia ás clases interactivas (36 horas ao longo do semestre, tres por semana durante 12 semanas), ás titorías en grupo (2 horas en todo o semestre) e ás titorías individuais (as veces que desexe ao longo do curso), o alumnado deberá dedicarlle ao "asentamento" do aprendido e á resolución dos exercicios das prácticas e doutros fora da clase, unha media de 4 ou 5 horas semanais. Deste xeito, as horas dedicadas á materia axustaríanse, máis ou menos, ao previsto:
4’5 créditos ECTS x 25 horas crédito = 112’5 horas de dedicación
36 horas interactivas + 2 horas de titorías en grupo = 38 horas
Outras horas presenciais de carácter obrigatorio = 3 horas (exame)
112’5 - 38 - 3 = 71’5 horas de traballo autónomo
71’5 horas / 15 semanas do semestre = 4'8 horas por semana
Aínda que a adquisición da visión espacial e da destreza na representación gráfica, incluso co emprego de ferramentas informáticas, poden ter unha compoñente inherente á persoa que facilite a súa aprendizaxe, o certo é que ambas habilidades requiren dun traballo constante para que poidan ser desenvoltas con garantía de éxito na consecución dos obxectivos marcados nesta materia.
É importante a asistencia a todas as clases da materia, presenciais ou virtuais se fose o caso, como instrumento para fortalecer a aprendizaxe do alumnado. Nelas vai desenvolver o aprendido e vai ser consciente do nivel que vai adquirindo e das súas limitacións, sempre coa axuda e o apoio do profesor. Co complemento das titorías, en grupo e individuais, superará calquera dificultade que se lle poda presentar.
En calquera caso, non se trata de memorizar definicións e procedementos, senon de resolver problemas reais relacionados coa titulación, empregando para elo as ferramentas que nos proporciona o Debuxo Técnico Asistido por Ordenador. E estas habilidades, que poden resultar máis doadas para unhas persoas que para outras como xa se apuntou, adquírense coa práctica e o traballo constante e persoal ao longo do curso.
Dicir por último que é recomendable ter superada previamente a materia de formación básica "Expresión Gráfica na Enxeñaría", que o alumnado cursou en primeiro.
A impartición desta materia farase en galego.
Coa finalidade de favorecer a atención do alumnado ás explicacións dadas polo profesorado, e ante a crecente utilización inoportuna nas aulas destes aparellos, recóllese nesta Guía a prohibición do emprego de móviles e tabletas para uso particular durante o desenvolvemento das sesións (salvo que o seu emprego estea directamente relacionado cos contidos impartidos e sempre baixo a supervisión do profesorado).
Así pois, esixirase ao alumnado que manteña apagados (ou inactivados) e gardados a bo recaudo estes dispositivos durante as clases, podendo ser expulsado se non cumpre este requirimento.
De igual xeito, pedirase ao alumnado que faga un bo uso dos ordenadores, non entrando en navegadores ou programas que non sexan os que se estean a empregar en cada momento no desenvolvemento das clases, coas mesmas consecuencias que no caso anterior se non o fai.
Francisco Javier Lopez Gonzalez
Coordinador/a- Departamento
- Enxeñaría Agroforestal
- Área
- Expresión Gráfica da Enxeñaría
- Teléfono
- Ext.23211
- Correo electrónico
- franciscojavier.lopez [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Colaborador