Créditos ECTS Créditos ECTS: 15
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 358 Horas de Titorías: 12.5 Clase Interactiva: 4.5 Total: 375
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Traballo Fin de Máster RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Microbioloxía e Parasitoloxía, Historia da Arte, Departamento externo vinculado ás titulacións, Ciencia Política e Socioloxía, Física de Partículas, Filosofía e Antropoloxía, Economía Aplicada
Áreas: Microbioloxía, Historia da Arte, Área Externa M.U en Filosofía: Coñecemento e Cidadanía, Socioloxía, Física da Materia Condensada, Antropoloxía Social, Filosofía, Filosofía Moral, Lóxica e Filosofía da Ciencia, Economía Aplicada
Centro Facultade de Filosofía
Convocatoria: Traballos Fin de Grao e Máster
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable | 1ro curso (Si)
O TFM consistirá na elaboración por parte do/a estudante dun proxecto, traballo, memoria ou estudo orixinal no que se integren e desenvolvan os coñecementos, capacidades, competencias e habilidades adquiridos durante os estudos realizados nas titulacións de Máster. Estará orientado á avaliación das competencias asociadas á titulación como: capacitar para a procura, xestión, organización e interpretación de datos relevantes, normalmente da súa área de estudo; emitir xuízos que inclúan unha reflexión sobre temas destacados de índole social, científica, tecnolóxica ou ética, e que faciliten o desenvolvemento dun pensamento e xuízo crítico, lóxico e creativo. O TFM do Máster en Filosofía. Coñecemento e Cidadanía, será realizado baixo a dirección dun doutor ou doutora con docencia no título.
O TFM debe de ser un traballo orixinal e versar sobre un tema relacionado co Máster. Segundo se recolle no artigo 2 da normativa de matrícula, elaboración e defensa dos Traballos Fin de Grao e de Fin de Máster na USC (aprobado polo Consello de Goberno de 10 de marzo de 2016) incluirá, como mínimo, tarefas de busca e revisión bibliográfica, lectura e integración de información, elaboración de información relevante, redacción, presentación e defensa do traballo.
Pode ser redactado e defendido en calquera dos idiomas que se utilizaron na impartición do Máster, conforme ao disposto no artigo 8.5 da normativa anteriormente citada.
O TFM ha de ser dirixido por un/unha profesor/a que imparta docencia no Máster e versará sobre unha temática relativa á materia que imparte.
A indicada polos/as titores, e a complementaria que engada cada quen, sempre baixo a supervisión de quen exerce a titorización.
COMPETENCIAS BÁSICAS E XERAIS
(1.1) Que as e os estudantes saiban aplicar os coñecementos que adquiran para identificar, formular e resolver problemas do noso tempo.
(1.2) Que as e os estudantes adquiran capacidades e coñecementos para a análise crítica en relación a aportacións investigadoras.
(1.3) Que as e os estudantes sexan capaces de transmitir coñecementos e ideas orixinais e solucións propostas.
(1.4) Que as e os estudantes estean capacitados para unha dinámica de reflexión con actitude proactiva e creativa na busca de solucións.
(1.5) Que as e os estudantes teñan habilidades para recoñecer, nos diversos saberes e na práctica social, cuestión e problemas susceptibles de ser abordados e resoltos.
(1.6) Posuír e comprender coñecementos que aporten unha base ou oportunidade para ser orixinais no desenvolvemento e/ou aplicación de ideas, a miúdo nun contexto de investigación.
(1.7) Que as e os estudantes saiban aplicar os coñecementos adquiridos e a súa capacidade de resolución de problemas en contornas novas ou pouco coñecidas dentro de contextos máis amplos (ou multidisciplinares) relacionados coa súa área de estudo.
(1.8) Que as e os estudantes sexan capaces de integrar coñecementos e enfrontarse á complexidade de formular xuízos a partir dunha información que, sendo incompleta ou limitada, inclúa reflexións sobre as responsabilidades sociais e éticas vinculadas á aplicación dos seu coñecementos e xuízos.
(1.9) Que as e os estudantes saiban comunicar as súas conclusións e os coñecementos e razóns últimas que as sustentan a públicos especializados e non especializados dun xeito claro e sen ambigüidades.
(1.10) Que as e os estudantes posúan as habilidades de aprendizaxe que lles permitan continuar estudando dun modo que haberá de ser en gran medida autodirixido ou autónomo.
COMPETENCIAS DE TIPO ESPECÍFICO
(2.1) Coñecer e comprender formulacións filosóficas relacionadas cos ámbitos temáticos do máster.
(2.2) Desenvolver destrezas que permitan trasladar os coñecementos adquiridos ao ámbito da investigación.
(2.3) Adquirir habilidades para a transmisión e ensinanza de contidos filosóficos relacionados cos ámbitos temáticos do máster.
(2.4) Saber aplicar os coñecementos adquiridos na resolución de novos problemas.
(2.5) Ser capaz de: analizar e sintetizar, argumentar lóxicamente, formular xuízos e deliberar consonte á criterios éticos.
(2.6) Saber expresarse oralmente e por escrito, comunicar, debater e deliberar.
COMPETENCIAS TRANSVERSAIS
(3.1) Utilizar as tecnoloxías da información e a comunicación.
(3.2) Manexar e analizar criticamente fontes de documentación científica, bibliográfica e dixital.
(3.3) Valorar de forma crítica a información para a resolución de problemas.
(3.4) Promover o respecto aos dereitos humanos e á diversidade cultural e das persoas, así como desenvolver valores contra as desigualdades de xénero.
O TFM, en tanto que é a última materia que cursan as/os alumnas/os do Máster antes da obtención do título, debe reflectir os coñecementos adquiridos tanto a nivel de contidos coma metodolóxicos. Se os estudos de posgrao constitúen unha das etapas formativas máis elevadas nos estudos universitarios e tendo en conta que para cursar esta materia o alumnado debe ter superada a totalidade dos créditos que conforman o plan de estudos do Máster en Filosofía. Coñecemento e Cidadanía, cabe agardar que na realización dos traballos académicos presentados para superar a materia, así como na súa lectura e defensa pública, o alumnado amose o coñecemento, rigor científico e analítico esperable no seu nivel académico.
Cómpre lembrar que o Máster en Filosofía. Coñecemento e Cidadanía é un máster que, entre outros cometidos, prepara para a investigación. En consecuencia, é necesario que na súa execución se exerciten e se poñan de manifesto técnicas de traballo propias dun traballo de investigación.
DIMENSIÓN DA AVALIACIÓN
O tribunal deliberará sobre a cualificación que lle corresponda conforme aos criterios de avaliación recollidos máis abaixo e incorporará na cualificación final do TFM a nota outorgada polo/a titor/a no seu informe. O sistema de cualificacións será, como no resto das materias da titulación, conforme á seguinte escala numérica, de cero (0) a dez (10), con expresión dun decimal, á que se engadirá a súa correspondente cualificación cualitativa:
• Non Presentado
• 0 - 4,9: Suspenso
• 5,0 - 6,9: Aprobado
• 7,0 - 8,9: Notable
• 9,0 - 10: Sobresaliente
Os membros do tribunal de avaliación realizarán un informe, de formulario aprobado pola Comisión Académica do Máster para estes efectos que será publicado na web da Facultade, no que se terán en conta os seguintes aspectos:
1. Calidade do TFM: cumprimento dos obxectivos propostos, adecuación e desenvolvemento das tarefas formuladas, metodoloxía, dificultade e conclusións.
2. Presentación escrita do TFM: presentación xeral, claridade expositiva, estruturación e corrección gramatical e ortográfica.
3. Presentación oral e defensa: concisión, claridade expositiva, capacidade de debate, defensa argumental, propiedade e corrección no uso da lingua.
4. O informe da/o titora/titor, que contén os mesmos ítems e na mesma medida, avalía unha porcentaxe do 25% da nota final. O tribunal contará, no momento da valoración, co informe sobre o traballo elaborado pola dirección do mesmo.
A) Porcentaxe da cualificación final avaliada polo tribunal 75%:
I.Traballo escrito: 50%
• Desenvolvemento do tema e estrutura, aportacións orixinais, método, manexo das fontes e bibliografía (40%)
• Presentación formal e corrección lingüística (10%)
II.Presentación oral (25%):
• Exposición (10%)
• Defensa (15%)
A cualificación final do tribunal (o 75% da nota final) resultará de aplicar a media aritmética entre as notas atribuídas ao TFM por cada un dos membros do tribunal e farase pública nun prazo non superior a sete días lectivos desde a súa defensa.
B) Porcentaxe da cualificación final avaliada polo/a titor/a 25%
O/A titor/a emitirá un informe preceptivo no que deberá incluír necesariamente a cualificación outorgada ao/á alumno/a. Para realizar este trámite deberá utilizar o formulario aprobado pola CC, que será publicado a principios de curso na páxina web da Facultade de Filosofía.
É responsabilidade dos/das titores/as subir o antedito formulario debidamente cuberto e asinado á súa secretaría virtual no prazo establecido para o efecto no calendario xeral de TFM, co fin de que os tribunais incorporen á cualificación final do traballo a porcentaxe correspondente á avaliación dos/das titores/as.
A cualificación final provisional dos traballos de TFM será publicada na Aula Virtual desta materia. A antedita publicación deberá indicar as datas de revisión.
No caso de que se dea unha das seguintes circunstancias, o TFM será cualificado como suspenso:
- Cando os seus contidos non se adecúen aos da liña temática escollida e/ou ao título aprobado.
- Cando coincida cun traballo realizado polo alumno noutras materias ou actividades da titulación, ou cando non sexa orixinal.
- Cando feita a solicitude de defensa o/a alumno/a non chegue a facer a defensa pública do TFM na data prevista, sen que exista xustificación escrita presentada polo/a interesado/a ante a Secretaría do Decanato da Facultade e aceptada pola CA.
A mención de “Matrícula de Honra” poderá ser outorgada a estudantes que obteñan unha cualificación igual ou superior a 9,0. O seu número non poderá exceder o límite establecido pola USC, tendo en conta que, se o número de alumnos/as é inferior a 20, poderase conceder unha MH. Naquelas titulacións nas que se constituíse un tribunal único para todas as convocatorias, será este o que outorgue as matrículas de honra que correspondan. Noutro caso, a atribución desta cualificación corresponderalle á comisión con competencias nos TFM, oídas as propostas dos diferentes tribunais.
Este sistema de avaliación será válido para as dúas oportunidades a que da dereito a matrícula do TFM.
AVALIACIÓN DE COMPETENCIAS
As competencias a acadar a través do TFM serán avaliadas polo tribunal tendo en conta as diferentes actividades que conforman a elaboración e defensa do TFM. Para elo o tribunal considerará o informe do/da titor/a.
REVISIÓN
O alumnado ten dereito á revisión das cualificacións nas datas e horarios que para tal efecto se fixen no momento de facer públicos os resultados provisorios. As datas de revisión estarán comprendidas dentro dos 10 días seguintes á publicación dos resultados. Contemplaranse como mínimo dúas datas opcionais. O alumnado que desexe facer uso deste dereito deberá solicitalo con antelación para que estean presentes os membros do tribunal de revisión. A revisión será persoal e poderá realizala un ou varios membros do tribunal. En todo caso, deberá quedar constancia da celebración da revisión e da data en que se realizou.
O procedemento de reclamación da cualificación será o establecido na normativa vixente relativa á avaliación do rendemento académico dos/as estudantes e de revisión das cualificacións.
O tempo total de estudo e traballo persoal para a realización dun TFM é de 238 horas.
Recoméndase ir programando a materia desde o incio de curso, consultando ao profesorado encargado das materias, do 1º e 2º semestre, que poidan ter interés para o seu proxecto de TFM. Todos os/as profesores/as teñen dirección electrónicas e despachos na facultade de filosofía ou centros aos que pertenzan, sobre o que se pode consultar, en caso de dúbida, á coordinadora do mestrado.
É conveniente que, antes de iniciar o proceso de elaboración e defensa, se lea con atención a Normativa vixente da USC.
Recoméndase a consulta frecuente da páxina da Facultade de Filosofía sobre o TFM http://www.usc.es/gl/centros/filosofia/TFM.html, onde hai información completa e actualizada sobre todo o proceso de elaboración e defensa do TFM, ademais dos formularios que se precisan ao longo do mesmo.
Realización fraudulenta do Traballo Fin de Máster será de aplicación o recollido na Normativa de avaliación do rendemento académico dos/as estudantes e de revisión de cualificacións.