A superación do programa acredita a formación inicial docente obrigatoria, segundo establece a normativa universitaria vixente. A Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, establece no seu artigo 67 a obriga das universidades a estableceren plans de formación inicial e de formación ao longo da vida que garantan a mellora profesional do seu PDI nos distintos ámbitos de especialización da actividade universitaria, no marco da súa planificación estratéxica e das prioridades das propias universidades en materia de formación.
No artigo 78 da dita Lei, establece que “para o desenvolvemento da súa capacidade docente, as profesoras/es axudantes doutoras/es deberán realizar, no primeiro ano de contrato, un curso de formación docente inicial cuxas características serán establecidas polas universidades, de acordo coas súas unidades responsables da formación e innovación docente do profesorado”.
Por outra banda, a “Estratexia de Formación da USC 2023-2026. Bases para a oferta formativa do persoal da USC”, estrutura a formación segundo ás diversas necesidades formativas que o persoal pode experimentar ao longo da súa vida profesional. O primeiro dos programas formativos que inclúe é o de Acollida, para o persoal de nova entrada na USC, cuxo obxectivo se formula do seguinte xeito:
fornecer ás novas empregadas e empregados da USC a formación inicial imprescindible para desempeñaren axeitadamente as funcións e tarefas inherentes aos postos a que se incorporan, así como facilitar a súa integración na USC e o coñecemento e adaptación aos principios e valores públicos da universidade.
- Desenvolver as súas capacidades e competencias docentes.
- Facilitar a súa integración na USC.
- Dar a coñecer os principios e valores públicos da USC.
O programa combina autoformación e sesións presenciais ou en liña, cunha carga global de máis de 120 horas. Inclúe módulos de competencias docentes e transversais, con contidos que abranguen desde planificación e metodoloxías de aprendizaxe ata igualdade, protección de datos ou uso do Campus Virtual.
Competencias transversais: organización e goberno da USC, servizos, xestións, dereitos e deberes do PDI, planificación da docencia, tecnoloxías, protección de datos e autoría, inclusión, igualdade, prevención de riscos e técnicas de expresión.
Competencias docentes: planificación, metodoloxías innovadoras, avaliación, acción titorial, comunicación oral e clima de aula.
Modalidades: autoformación e (tele)presencialidade.
Impartición: setembro a xuño
- Dirixido ao profesorado novel (profesorado axudante doutor) en activo durante o período en que se desenvolve o programa e contratado no ano natural do curso en que da comezo o programa.
- O profesorado de nova incorporación queda matriculado de oficio polo Centro de Formación de Persoal.
- O profesorado axudante doutor, que participara en edicións anteriores e non puidera completalo, pode solicitar a súa admisión a través da Sede Electrónica. Deberá seleccionará o procedemento xenérico, co asunto “Solicitude de admisión no programa de acollida” dirixíndoo ao Centro de Formación de Persoal no prazo de dez días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Taboleiro da Sede Electrónica da USC. Deberán indicar na solicitude as materias do Programa de Acollida en que desexa matricularse (en ningún caso as xa realizadas e aprobadas).
- Existe a posibilidade de solicitar exencións en determinadas materias se se acredita formación ou experiencia previa.
- Para superar o programa é preciso completar, como mínimo, un número de cursos equivalente ao 75 % das horas totais do programa e o 75 % das horas de formación en competencias docentes.
- A superación dos cursos dependerá das condicións de avaliación propias de cada un.
- Cada curso superado dá dereito ao diploma correspondente.
- Ao superar o programa expídese un diploma oficial de superación do Programa de Acollida e Formación Docente Inicial.