Ademais da Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación (RIAIDT), como investigador/a da USC poderás acceder a todo un conxunto de infraestruturas e servizos científico-técnicos ofrecidos por centros de investigación e universidades. A continuación, te ofrecemos unha breve relación dos máis destacados.
Varios Institutos, Centros e Unidades do CSIC en Galicia ofrecen servizos científico-técnicos a membros de organismos públicos e privados de investigación, moitos deles relacionados con bioloxía agrícola ou mariña, pero tamén no ámbito da supercomputación ou a cuántica.
O listado de recursos inclúe tamén servizos das universidades da Coruña e Vigo que están abertos a toda a comunidade investigadora.
A Misión Biolóxica de Galicia, centro do CSIC con sedes en Salcedo (Pontevedra) e Santiago de Compostela, ofrece servizos como análise de calidade en plantas, bioloxía molecular, campos de cultivo experimentais e invernadeiros, banco de xermoplasma e biblioteca especializada.
O Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, con sede en Vigo (Pontevedra), conta cunha Unidade de Apoio Científico-Técnico (UACT) que ofrece servizos como análise de acidificación oceánica, análise de gases de efecto invernadeiro en augas naturais, citometría de fluxo, cromatografía e ómica avanzada, identificación e secuenciación de especies, microscopía e análise de imaxes, ou xenómica e análises bioinformáticos, entre outros.
A Unidade de Tecnoloxía Mariña (UTM) do CSIC, tamén con sede en Vigo, proporciona servizos de apoio á investigación oceanográfica, como vehículos submarinos autónomos, a bordo dos buques e plataformas que xestiona. En concreto, o CSIC dispón do buque oceanográfico Mytilus, con base no porto de Vigo, para a realización de estudos de bioloxía e xeología mariña, e oceanografía física. A UTM-CSIC tamén dispón de varios OBS (Ocean Bottom Seismometer) e equipamento para a prospección sísmica no mar.
O Centro de Supercomputación de Galicia (GESCA) forma parte da rede de Infraestruturas Científico-Técnicas Singulares (ICTS) acreditadas polo Ministerio de Ciencia e Innovación. Xestionado por unha fundación constituída entre a Xunta de Galicia e o CSIC, o seu traballo céntrase na investigación e aplicación de computación e comunicacións de altas prestacións.
O CESGA dispón de infraestruturas de I+D+i avanzadas destinadas a incrementar a capacidade investigadora e tecnolóxica da comunidade científica e a industria. Con elas pode ofrecer servizos de computación, almacenaxe, comunicacións, acceso a catálogos de aplicacións e librerías, e equipos de apoio. Asemade, o CESGA está liderando a creación dun Polo de Tecnoloxías Cuánticas, que permitirá o desenvolvemento en Galicia da investigación neste campo de vangarda. Para utilizar os servizos do CESGA é necesario darse de alta no Portal de Usuarios.
O Centro Oceanográfico de Vigo é un dos nove centros que ten o Instituto Español de Oceanografía (IEO) repartidos polo territorio nacional. O centro de Vigo é a entidade de referencia en España do SeaDataNet (Pan-European Infraestructure for Ocean & Marine Data Management), unha infraestrutura distribuída de xestión de datos marítimos recollida por máis de 110 centros en 35 países. Outros servizos que ofrece o IEO no seu centro de Vigo son o acceso ao Xeoportal da Infraestrutura de Datos Espaciais, á súa biblioteca especializada e ao seu repositorio Open Access de documentos sobre investigación oceanográfica.
Os Servizos de apoio á investigación da Universidade da Coruña (UDC) están abertos a toda a comunidade científica, tanto de organismos públicos como privados de investigación. Dispón de unidades de análises de augas, análises estruturais, bioloxía molecular, espectroscopia molecular, espectrometría de plasma-masas, microscopía, técnicas cromatográficas, técnicas instrumentais de análises, e xeocronología. Tamén ofrece actividades de formación e servizo de consultas.
Os servicios científico-técnicos da Universidade de Vigo e dos seus centros de investigación son de uso exclusivo para o persoal investigador de UVigo, excepto no caso del Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX), que ofrece servizos científico-tecnolóxicos a toda a comunidade científica, tanto de organismos públicos como privados. Entre estes servizos hai varios en réxime de autoservizo (Equipo de análise hiperespectral (sistema de visión combinado con espectroscopia); Escáneres 3D, para a creación de modelos 3D de alta resolución; e Impresión 3D, por sintetizado láser) e outros que deseña a medida o equipo do centro: formación en tecnoloxías 4.0; prototipado e construción; modelado (modelos, optimización e predición); e desenvolvementos tecnolóxicos.