A Comisión Europea adoptou en 2005 a Carta Europea para os investigadores e o Código de Conducta para a contratación de investigadores co obxectivo de crear un marco común europeo que ofreza condicións laborais óptimas ás persoas que traballan en investigación, favorecendo así tanto o seu desenvolvemento profesional como a mobilidade.
Para impulsar a súa adopción en todos os países da Unión Europea (UE) e dar apoio ás entidades en proceso de implementación dos principios da Carta e o Código, en 2008 púxose en marcha a UE Human Resources Strategy for Researchers (HRS4R), cuxo selo HR Excellence in Research identifica ás entidades que incorporaron con éxito os principios da HRS4R nas súas políticas e prácticas. A través da plataforma EURAXESS – Researchers in Motion, ofrécese ás investigadoras e investigadores europeos información e servizos de apoio para o impulso da súa carreira profesional.
A Universidade de Santiago de Compostela sumouse formalmente aos principios da Carta e o Código en xullo de 2016 e, en febreiro de 2017, obtivo o HR Excellence in Research Award, sumándose así ás máis de 650 institucións de investigación que contan con este distintivo de excelencia na UE. Este selo de calidade reflexa o compromiso da USC para mellorar a súa estratexia de recursos humanos e ofrecer unha contorna estimulante para unha investigación de alto nivel e competitiva a nivel internacional.