Ir o contido principal

Acceso aberto (Open Access)

A reivindicación do acceso aberto (Open Access) á literatura científica tomou forza a principios dos anos 2000 (Declaración de Berlín polo Acceso Aberto ao coñecemento en Ciencias e Humanidades, 2003), da man do desenvolvemento de Internet, para reducir as inequidades xeradas polo acceso restrinxido ás publicacións académicas. A USC aposta de forma decidida polos principios do acceso aberto para facilitar a colaboración científica e acercar o coñecemento xerado a toda a sociedade.

Logotipo de Open Access
Logotipo de Open Access

Para promover o libre acceso a toda a produción científica xerada polo seu persoal investigador, docentes e estudantes, a USC conta dende xaneiro de 2014 co repositorio Minerva, un punto único de acceso ás coleccións bibliográficas dixitalizadas da USC, que constitúe un instrumento clave para mellorar o sistema de comunicación e acceso ao coñecemento.

Minerva facilita a difusión dos resultados da investigación, aumenta o impacto e a visibilidade das publicacións e traballos científicos, asegura a preservación e conservación a longo prazo da produción intelectual universitaria, fomenta o uso da propia produción científica da USC por parte da súa comunidade, y proporciona servizos de valor engadido a través do uso de normas internacionais.

En xaneiro de 2022, Minerva contaba xa con máis de 6.200 teses doutorais e 22.000 publicacións. As súas coleccións están organizadas en cinco comunidades: Arquivo Histórico Universitario, Biblioteca, Docencia e Innovación Educativa, I+D+I, e Institucional. O maior volume corresponde, precisamente, á comunidade de I+D+I, con máis de 17.500 publicacións (xaneiro 2022).

O Portal da Investigación da USC ofrece estatísticas da evolución por anos da produción científica en acceso aberto e ligazóns a todas as publicacións do repositorio Minerva.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.05.2022.