Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 99 Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 24 Clase Interactiva: 24 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Pedagoxía e Didáctica
Áreas: Didáctica e Organización Escolar
Centro Facultade de Ciencias da Educación
Convocatoria:
Docencia: Sen docencia (Extinguida)
Matrícula: Non matriculable
A materia de "Organización e Xestión da Aula", que forma parte da Formación Básica para o alumnado do Grao en Educación Infantil, impártese no segundo curso e pertence ao módulo chamado "Organización do espazo escolar, materiais e habilidades docentes".
Xunto a outras xa cursadas no primeiro ano do Grao (Didáctica e Profesión Docente; Observación e análise: suxeitos e procesos educativos) e algunhas máis que serán cursadas neste curso (Deseño e desenvolvemento curricular; Proxectos e innovación na aula; Observación e análise: escola e contexto; e Escola Inclusiva e necesidades educativas especiais) constitúen un bloque formativo cunha forte complementariedade interna e orientado a sentar firmemente as bases didácticas e curriculares da formación dos/as futuros/as Mestres/as de Educación Infantil.
O obxectivo principal da materia de "Organización e Xestión da Aula" é capacitar ao alumnado do Grao en Educación Infantil con coñecementos, habilidades, destrezas e actitudes que lles permitan: planificar, programar, intervir e avaliar na aula e outros contextos educativos de ensino e aprendizaxe da Educación Infantil no primeiro e segundo ciclo, partindo da observación das necesidades e intereses dos nenos e nenas e do seu desenvolvemento.
Para acadar este obxectivo xeral e desenvolver as competencias que se establecen no Plan de Estudos para esta materia, propóñense os seguintes obxectivos específicos:
OBXECTIVOS REFERIDOS AO SABER
- Coñecer os fundamentos pedagóxicos e lexislativos que orientan a intervención educativa na Educación Infantil.
- Identificar e analizar os elementos que conforman o ambiente de vida e aprendizaxe nos centros de Educación Infantil.
- Coñecer os diferentes modelos actuais de Educación Infantil e analizar as súas implicacións na organización e xestión de aula.
- Comprender a necesidade, as características e as estratexias metodolóxicas do período de adaptación do primeiro e segundo ciclo de Educación Infantil, así como as estratexias de intervención para favorecer a continuidade educativa entre ciclos e etapas.
- Recoñecer o valor educativo dos momentos da vida cotiá e as súas implicacións para o desenvolvemento da saúde física e emocional das nenas e dos nenos.
OBXECTIVOS REFERIDOS AO SABER FACER
- Elaborar diferentes deseños de espazos de aula e os seus equipamentos considerando os aspectos estruturais e funcionais da organización.
- Deseñar ambientes de aprendizaxe nas aulas de 0 a 3 e 3 a 6 anos, atendendo a criterios de calidade e tendo en conta os diferentes modelos didácticos.
- Aprender a observar e documentar os diferentes ambientes de vida e aprendizaxe, considerando as súas dimensións física, temporal, funcional e relacional.
- Deseñar estratexias de intervención educativa e propostas didácticas centradas nos contextos e nas necesidades da infancia.
OBXECTIVOS REFERIDOS AO SABER SER
- Analizar e valorar cales son as actitudes éticas necesarias para o traballo con nenas e nenos pequenos.
- Manifestar unha actitude de escoita para descubrir e considerar as necesidades físicas, relacionais e emocionais dos nenos e nenas.
- Aprender a respectar as necesidades básicas dos nenos e nenas: ritmos, intereses, iniciativa... respondendo a elas coa organización axeitada dos espazos, materiais, actividades e relacións.
Tendo como punto de partida os contidos recollidos para esta materia na Memoria Verificada do título de Grao en Educación Infantil, establécense os seguintes bloques temáticos:
Bloque 1º. Punto de partida: necesidades básicas de cada neno ou nena, fundamentación teórica e lexislación.
- Tema 1. Resposta educativa e organizativa ás necesidades básicas de cada neno ou nena.
- Tema 2. Modelos de educación infantil e principais implicacións na organización e xestión da aula. Lexislación.
Bloque 2º. Organización de espazos, materiais e tempos. As relacións e actividades de xogo e aprendizaxe.
- Tema 3. O ambiente de ensino e aprendizaxe no primeiro e no segundo ciclo de Educación Infantil: organización dos espazos e os materiais.
- Tema 4. O ambiente de ensino e aprendizaxe no primeiro e no segundo ciclo de Educación Infantil: os tempos e rutinas.
- Tema 5. O marco axeitado para unha aprendizaxe activa no primeiro e no segundo ciclo de Educación Infantil: situacións de pequeno grupo, obradoiros.
- Tema 6. A aula como comunidade. As relacións.
Bloque 3º. Momentos específicos e relación escola-familia.
- Tema 7. Momentos específicos a ter en conta na organización e xestión da aula: período de adaptación e outras transicións.
- Tema 8. A organización e a xestión dunha aula como tarefa compartida co equipo docente e coa familia.
Esta estrutura de contidos achegará ao alumnado os coñecementos necesarios para: a dinamización dunha aula, a organización dunha aula por recunchos, a comprensión das repercusións da implicación do mestre ou mestra no xogo do neno ou nena, a valoración da importancia do papel da observación para intervir no deseño dunha aula, a presentación e disposición de materiais didácticos axeitados ao momento evolutivo dos nenos e nenas, a valoración da necesidade de dar tempo ás nenas e aos nenos, a reflexión sobre o papel da ensinanza e aprendizaxe tendo como punto de partida o respecto á infancia... Todos estes contidos son aspectos chave para desenvolver o traballo nunha aula de Educación Infantil, tanto no primeiro como no segundo ciclo.
BÁSICA:
Antón, M. (2007). Planificar la etapa 0-6: Compromiso de sus agentes y práctica cotidiana. Graó.
Paniagua, G. e Palacios, J. (2005). Educación Infantil: Respuesta educativa a la diversidad. Alianza Editorial.
Hohmann, M. e Weikart, D. (1997). Educar a criança. Fundaçao Calouste Gulbenkian.
COMPLEMENTARIA:
Abad, J. e Ruiz, A. (2011). El juego simbólico. Graó.
Alpi, L. e outras (2003). Adaptación a la escuela infantil. Narcea.
Bassedas, E., Huguet, T. e Solé, I. (2005). Aprender y enseñar en Educación infantil. Graó.
Bondioli, A. e Nigito, G. (2011). Tiempos, espacios y grupos: El análisis y la evaluación de la organización en la escuela infantil. Graó.
Borghi, Q. (2008). Los talleres en educación infantil. Graó.
Borghi, Q. (2010). Educar en el 0-3: La práctica reflexiva en los nidi d´infanzia. Graó.
Brazelton, T. B. e Greenspan, S. I. (2005). Las necesidades básicas de la infancia: lo que cada niño o niña precisa para vivir, crecer y aprender. Graó.
Falk, J. (2008). Lóczy, educación infantil. Octaedro.
Ferradás, L., Franco, J. P. e Llinares, C. (2019). El ambiente es el currículo. Espacios y materiales para el bienestar y el desarrollo en la escuela infantil de Tui. RELAdEI: REvista LAtinoamericana de Educación Infantil, 8(1), 45-58. https://revistas.usc.es/index.php/reladei/article/view/5953
Goldschmied, E. e Jackson, S. (2000). La educación infantil de 0 a 3 años. Morata.
Ibañez, C. (2008). El proyecto de Educación Infantil y su práctica en el aula. La Muralla.
Laguía, Mª J. e Vidal, C. (2008). Rincones de actividad en el aula Infantil (0-6 años). Graó.
Majem, T. e Ódena, P. (2007). Descubrir jugando. Octaedro-Rosa Sensat.
Montessori, M. (2003). El método de la Pedagogía científica aplicado a la educación de la infancia. Biblioteca Nueva.
Sainz de Vicuña, P. (2010). Educar en el aula de 2 años: Una propuesta metodológica. Graó.
Vila, B. e Cardo, C. (2008). Material sensorial (0-3 años). Graó.
Zabalza, M.A. (1996). Calidad en la Educación Infantil. Narcea.
REVISTAS DE REFERENCIA:
- Aula de Infantil. http://aulainfantil.grao.com
- Cuadernos de Pedagogía. http://www.cuadernosdepedagogia.com/content/Inicio.aspx
- EDUGA. Revista Galega do Ensino. http://www.edu.xunta.gal/eduga/
- Infancia: Educar de 0 a 6 años. https://www.rosasensat.org/es/revistes/in-fan-cia/
- Infancia Latinoamericana. https://www.rosasensat.org/es/revistes/infancia-latinoamericana/
- RELAdEI. Revista Latinoamericana de Educación Infantil. https://revistas.usc.gal/index.php/reladei
- Revista Galega de Educación. https://rge.gal/
- Young Children. http://www.naeyc.org/yc/
A Memoria Verificada do Título de Grao establece que esta materia contribúe á adquisición por parte do alumnado das seguintes competencias:
COMPETENCIAS XERAIS
G2 - Promover e facilitar as aprendizaxes na primeira infancia, desde unha perspectiva globalizadora e integradora das diferentes dimensións cognitiva, emocional, psicomotora e volitiva.
G3 - Deseñar e regular espazos de aprendizaxe en contextos de diversidade que atendan ás singulares necesidades educativas dos estudantes, á igualdade de xénero, á equidade e ó respecto aos dereitos humanos.
G4 - Fomentar a convivencia na aula e fóra dela e abordar a resolución pacífica de conflitos. Saber observar sistematicamente contextos de aprendizaxe e convivencia e saber reflexionar sobre eles.
G7 - Coñecer as implicacións educativas das tecnoloxías da información e a comunicación e, en particular, da televisión na primeira infancia.
G11 - Reflexionar sobre as prácticas da aula para innovar e mellorar o labor docente. Adquirir hábitos e destrezas para a aprendizaxe autónoma e cooperativa e promovela nos estudantes.
COMPETENCIAS BÁSICAS
CB1 - Que os estudantes teñan demostrado posuír e comprender coñecementos nunha área de estudo que parte da base da educación secundaria xeral, e adoita atoparse a un nivel que, se ben se apoia en libros de texto avanzados, inclúe tamén algúns aspectos que implican coñecementos procedentes da vangarda do seu campo de estudo.
CB2 - Que os estudantes saiban aplicar os seus coñecementos ao seu traballo ou vocación dunha maneira profesional e posúan as competencias que adoitan demostrarse por medio da elaboración e defensa de argumentos e a resolución de problemas dentro da súa área de estudo.
CB3 - Que os estudantes teñan a capacidade de reunir e interpretar datos relevantes (normalmente dentro da súa área de estudo) para emitir xuízos que inclúan unha reflexión sobre temas relevantes de índole social, científica ou ética.
CB4 - Que os estudantes poidan transmitir información, ideas, problemas e solucións a un público tanto especializado como non especializado.
COMPETENCIAS ESPECÍFICAS
E19 - Comprender que a dinámica diaria en educación infantil é cambiante en función de cada estudante, grupo e situación e saber ser flexible no exercicio da función docente.
E20 - Valorar a importancia da estabilidade e a regularidade no contorno escolar, os horarios e os estados de ánimo do profesorado como factores que contribúen ao progreso harmónico e integral dos estudantes.
E21 - Saber traballar en equipo con outros profesionais de dentro e fóra do centro na atención a cada estudante, así como na planificación das secuencias de aprendizaxe e na organización das situacións de traballo na aula e no espazo de xogo, identificando as peculiaridades do período 0-3 e do período 3-6.
E22 - Atender ás necesidades dos estudantes e transmitir seguridade, tranquilidade e afecto.
COMPETENCIAS TRANSVERSAIS
T3 - Coñecemento instrumental das tecnoloxías da información e da comunicación.
T4 - Competencia informacional.
Combínanse sesións expositivas, de carácter máis teórico, con sesións interactivas máis centradas na aplicación práctica dos coñecementos. Nesta materia é fundamental integrar a teoría e a práctica, a través dunha metodoloxía que permita construír de forma grupal os coñecementos prácticos e teóricos. Esta metodoloxía participativa produce un enriquecemento tanto do docente como do alumno e alumna, no que se potencia a relación entre alumnado e profesorado/alumnado, tendo este último maior responsabilidade e implicación na construción do seu coñecemento.
Nas clases expositivas potenciarase, na medida do posible, o debate e a reflexión no transcurso da presentación dos contidos empregando as seguintes estratexias: análise de fotografías de espazos de aulas organizadas de Educación Infantil; visualización de vídeos de boas prácticas sobre a Educación Infantil; elaboración de presentacións con apoio de material audiovisual sobre os contidos da materia...
Nas sesións interactivas, seguindo o contido de cada tema, solicitaranse diversos traballos prácticos a desenvolver na aula (exploración de sitios web, observación e investigación na aula, simulación de roles, debates sobre os contidos...) e outros que se especificarán no inicio do curso escolar e que o alumnado terá que elaborar e entregar (análise de textos, elaboración de propostas prácticas, exposicións orais con apoio de material audiovisual...). Cando se propoña o establecemento de grupos de traballo, para desenvolver informes escritos e outras producións, os grupos estarán conformados -de forma orientativa- por 5 persoas (en todo caso, especificarase en cada tarefa solicitada).
O Campus Virtual proporcionará unha contorna virtual con diversas ferramentas para favorecer os procesos de ensino-aprendizaxe e unha boa integración da docencia. En concreto, utilizarase a aula virtual desta materia para: facer un seguimento do traballo das alumnas e os alumnos, levar a cabo a comunicación entre o alumnado e o profesorado, entregar as actividades solicitadas e recompilar o contido e os recursos de cada tema, potenciando o traballo autónomo do alumnado.
Na materia prevese o desenvolvemento de, cando menos, unha práctica de campo compartida con outras do curso (visita a un centro, encontros con profesionais, celebración de conmemoracións...) na perspectiva dunha actividade interdisciplinar que será abordada e valorada desde cada unha das materias participantes.
A atención ao alumnado verase reforzada co desenvolvemento de titorías, que terán un carácter fundamentalmente personalizado ou en pequenos grupos e que se levarán a cabo no horario especificamente dedicado a tal fin polo profesorado da materia. Estas sesións posibilitarán o desenvolvemento teórico-práctico da materia e a orientación dos traballos que se realicen ao longo do curso.
Partindo dos rangos de porcentaxe de cualificación que estipula a Memoria para a Verificación do Título de Grao, e dende unha perspectiva de avaliación continua, establécense para a cualificación final desta materia os seguinte elementos:
1) PARTICIPACIÓN NA AULA
Terá un peso dun 10% (1 punto) da nota final. Valoraranse as preguntas e suxestións achegadas polos estudantes, as respostas aos interrogantes formulados pola docente e a realización de pequenas tarefas implicadas no seguimento continuo da materia (estudo de materiais, busca de información...). Para establecer a puntuación final deste apartado, empregarase a observación directa, as notas tomadas pola profesora e un rexistro das tarefas realizadas.
2) PROBA ESPECÍFICA
Terá un valor máximo do 40% na cualificación final (4 puntos). Para que faga media coas outras cualificacións será necesario alcanzar un mínimo de 2 puntos. O exame ao final do semestre versará sobre o contido do programa e consistirá nunha proba de preguntas tipo test e/ou varias cuestións breves. Esta proba realizarase na data que estableza o calendario oficial da Facultade.
3) INFORMES ESCRITOS E OUTRAS PRODUCIÓNS
O peso total na nota final será do 40% (4 puntos). Consistirá na elaboración de traballos grupais e/ou individuais relacionados coa organización e xestión dunha aula de Educación Infantil. A suma dos traballos solicitados terá que superar os 2 puntos para que faga media coas outras cualificacións.
Os criterios de valoración son os seguintes:
- Os traballos deben ser orixinais. Se se detecta a entrega dun traballo copiado suporá o suspenso da materia e a avaliación do alumno/a na seguinte oportunidade, segundo o recollido na Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións sobre a realización fraudulenta de exercicios ou probas: https://minerva.usc.es/xmlui/handle/10347/12984
- Adecuación da tarefa presentada ao solicitado e entrega en prazo de todas as actividades.
- A claridade e coherencia na redacción dos contidos dos traballos.
- Aspectos formais axeitados: portada, índice, referencias bibliográficas...
Na realización das prácticas e traballos seguiranse as normas APA: Publication Manual of the American Psychological Association (APA). 7ª ed. Washington: APA, 2020. Hai exemplares dispoñibles na Biblioteca da USC.
Pode consultarse máis información no seguinte enlace:
https://apastyle.apa.org/style-grammar-guidelines/references/examples
4) OUTRAS ACHEGAS: PRESENTACIÓNS ORAIS
O valor máximo na nota final será do 10% (1 punto). Consistirá na presentación presencial e/ou virtual dos traballos grupais e/ou individuais solicitados.
Os criterios de valoración son os seguintes:
- Explicación entendible dos contidos.
- Exposición fluída.
- Uso adecuado da linguaxe non verbal.
- Axeitada presentación audiovisual (de ser o caso) e manexo da mesma.
Para obter unha valoración positiva na materia ,será preciso realizar e entregar en prazo todas as actividades de avaliación especificadas, así como superar cada unha delas nos termos xa establecidos. No caso de que un alumno ou alumna obtivese un suspenso na primeira oportunidade de avaliación conservaráselle a nota dos elementos aprobados para a segunda oportunidade.
Recórdase que a Universidade de Santiago de Compostela é unha universidade presencial, polo que a asistencia a un mínimo do 80% das sesións das clases é obrigatoria -tal como se especifica para os graos adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior-, sendo un requisito para a avaliación. Pasarase listaxe de sinaturas. A xustificación das faltas de asistencia axustarase á normativa correspondente: https://minerva.usc.es/xmlui/handle/10347/13189
Atenderanse as seguintes excepcións:
EXENCIÓN DE DOCENCIA
O alumnado que por algunha causa xustificada non poida asistir ás clases expositivas de forma continuada deberán contar cunha exención de docencia, que deberá de solicitar tendo en conta os criterios establecidos na normativa:
https://nubeusc.sharepoint.com/sites/centro-ciencias-educacion/SitePage…
De ser este o caso, deberase informar ao profesorado desta materia, nun prazo máximo dunha semana dende a concesión da exención, para establecer co alumno ou alumna cal vai ser o seguimento titorial para estar ao tanto do que se traballa nas sesións expositivas. A asistencia ás sesións interactivas é obrigatoria.
En vez do elemento 1 "Participación na aula" (10%) contemplado para o alumnado con asistencia regular, o alumnado con exención de docencia ás clases expositivas realizará un traballo teórico sobre a materia seguindo as indicacións do profesorado. A realización das presentacións orais (elemento 4) terá lugar no horario das sesións interactivas.
DISPENSA DE ASISTENCIA
O alumnado que por algunha causa xustificada non poida asistir a todas as clases de forma continuada deberá contar cunha dispensa de asistencia, que deberá solicitar tendo en conta os motivos e criterios establecidos na normativa:
https://nubeusc.sharepoint.com/sites/centro-ciencias-educacion/SitePage…
De ser este o caso, deberase informar ao profesorado desta materia, nun prazo máximo dunha semana dende a concesión da dispensa, para deseñar un plan de traballo coa correspondente avaliación.
En vez do elemento 1 "Participación na aula" (10%) contemplado para o alumnado con asistencia regular, o alumnado con dispensa de asistencia realizará un traballo teórico-práctico sobre a materia seguindo as indicacións do profesorado. A realización das presentacións orais (elemento 4) terá lugar na data e no horario que acorden os docentes e o alumnado.
A Memoria para a verificación do Título de Grao recolle que o alumnado ten que realizar dous tipos de actividades: presenciais e de traballo autónomo, para conseguir as 150 horas planificadas para esta materia, que se reparten tal e como se especifica a continuación:
Actividades presenciais (51 horas)
- 24 horas de actividades de grupo expositivo
- 24 horas de actividades de grupo interactivo.
- 3 horas de titorías.
Actividades de traballo autónomo (99 horas)
- 35 horas para preparar actividades derivadas do grupo expositivo.
- 45 horas para preparar actividades do grupo interactivo.
- 19 horas de titorías.
- Lectura detida, reflexiva e crítica do Programa da materia nos seus diversos apartados.
- Levar ao día a materia, pois a avaliación é continua.
- Asistir con regularidade a todas as clases, elaborar e presentar nos prazos que se estipulen os traballos solicitados, pois todos os temas vanse complementando entre si, o que implica unha visión sistemática da materia.
- Realizar lecturas complementarias de libros e revistas especializadas, recomendadas polo profesorado, que posibiliten unha comprensión globalizada dos contidos da materia.
- Preguntar todas as dúbidas tanto nas clases presenciais, como nas titorías ou ben por correo electrónico.
- Amosar, tanto nas intervencións na clase como nos traballos escritos, unha actitude ética, de respecto, de valoración e de compromiso coa infancia.
O alumnado que teña algún tipo de Necesidade Específica de Apoio Educativo, e precise algunha adaptación ou apoio determinado, deberá solicitalo ao profesorado, pero só se terán en conta a estes efectos aqueles casos que fosen valorados e informados polo Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU).
RESPONSABILIDADE MEDIOAMBIENTAL
Os traballos realizados polo alumnado deben entregarse, preferentemente, a través da aula virtual. De solicitarse algún traballo impreso, teranse en conta as seguintes indicacións:
- Evitar tapas de plástico ou outros envoltorios externos innecesarios.
- Sempre que sexa posible, empregar grampas en lugar de encanutillados.
- Imprimir a dúas caras en calidade "aforro de tinta".
- Non empregar folios en branco como separadores de capítulos ou partes.
- Evitar anexos que non teñan referencia directa cos temas desenvolvidos.
PERSPECTIVA DE XÉNERO
En atención a criterios de igualdade de xénero no ámbito universitario, recoméndase facer uso dunha linguaxe non sexista tanto no traballo cotiá de aula como nos traballos académicos encomendados. Pode obterse información ao respecto no enlace: https://www.usc.gal/es/servicios/area/igualdad/cultura-institucional
OBRIGATORIEDADE DO USO DO CORREO INSTITUCIONAL: O alumnado deberá utilizar o correo electrónico da USC (rai.usc.es) para a súa comunicación co profesorado.
OBRIGATORIEDADE DE EMPREGO DAS FERRAMENTAS TECNOLÓXICAS INSTITUCIONAIS: Campus Virtual, Microsoft Office 365, e outras ferramentas facilitadas pola facultade e autorizadas como ferramentas institucionais pola universidade.
USO DO TELÉFONO MÓBIL: Queda restrinxido o uso do teléfono móbil na aula ao seu emprego como instrumento de traballo, seguindo as indicacións dadas polo profesorado, responsabilizando ao alumnado das consecuencias legais e académicas que poidan derivarse dunha utilización non adecuada do mesmo.
PRIVACIDADE DA ENSINANZA-APRENDIZAXE (clases/titorías): ter en conta que o ensino-aprendizaxe é un proceso privado; entendendo privado como proceso de comunicación e intercambio entre o/a docente e o alumnado matriculado na materia.
OBRIGATORIEDADE DO CUMPRIMENTO DA NORMATIVA DE PROTECCIÓN DE DATOS: Seguirase a normativa de privacidade e protección de datos persoais dispoñible en https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/normativa/proteccion-…
Esther Vila Couñago
Coordinador/a- Departamento
- Pedagoxía e Didáctica
- Área
- Didáctica e Organización Escolar
- Teléfono
- 881813831
- Correo electrónico
- esther.vila [at] usc.es
- Categoría
- Profesor/a: Profesor Contratado/a Doutor
Luns | |||
---|---|---|---|
10:30-12:00 | Grupo /CLIS_02 (Can - L) | Galego | (CAMPUS NORTE) - AULA 24 |
Martes | |||
10:30-12:00 | Grupo /CLIS_01 (A - Cam) + Dobre Grao 2º | Galego | (CAMPUS NORTE) - AULA 22 |
12:00-13:30 | Grupo /CLE_01 (A - Z) + Dobre Grao 2º | Galego | (CAMPUS NORTE) - AULA 12 |
13:30-15:00 | Grupo /CLIS_03 (M - Z) | Galego | (CAMPUS NORTE) - AULA 24 |
14.01.2025 12:00-14:00 | Grupo /CLE_01 (A - Z) + Dobre Grao 2º | (CAMPUS NORTE) - AULA 12 |
19.06.2025 09:30-11:30 | Grupo /CLE_01 (A - Z) + Dobre Grao 2º | (CAMPUS NORTE) - AULA 13 |