Ir o contido principal

Premio Fonseca 2009

Conferencia: 'Cambio climático nun planeta vivente' a cargo de James Lovelock

06.10.2009 | 20.00h-21.30h

Auditorio de Galicia

Cartaz do acto
Cartaz do acto

O británico James Lovelock (Hertfordshire, 1919), principal pioneiro na historia do desenvolvemento da conciencia medioambiental e inspirador do movemento ecoloxista a nivel mundial, é o gañador do Premio Fonseca de comunicación da ciencia na súa edición de 2009. Este premio, convocado ao abeiro do programa ConCiencia, recaeu o ano pasado no tamén británico Stephen Hawking.

Lovelock é un dos pensadores máis destacados, influíntes e creativos do século XX. É autor da coñecida “Teoría de Gaia”, que cambiou o xeito no que pensamos acerca do noso planeta, ao  postular que a Terra é como un superorganismo que se autorregula. A anécdota é que o nome de Gaia, deusa grega da terra, foille suxerido, a finais dos anos 50, polo seu amigo e veciño William Golding, Premio Nobel de Literatura en 1983.

Acredita unha ampla, rica e variada traxectoria científica, que ás veces queda oculta pola súa significación de líder ideolóxico e emblema do movemento medioambiental: químico de formación, doutorouse en Medicina e entre os anos 40 e 50 desenvolveu investigación en centros pioneiros nos EE.UU., culminados na Universidade de Harvard. Sobre todo estudou o dano que se produce en células vivas no proceso de crioxenización e posterior desconxelación, acadando, con éxito, mecanismos para permitir esa recuperación.

Esa formación tan miscelánea levouno a unha nacente NASA en 1961. Alí creou e desenvolveu moitos dos instrumentos empregados no programa de investigación doutros planetas, con especial énfase no planeta Marte. Precisamente, na tarefa de discorrer métodos de detección de vida en Marte foi como se lle ocorreu a hipótese de Gaia.

A súa enorme popularidade oculta tamén a súa faceta como inventor (moi activa durante o seu traballo para a sonda Viking, a primeira enviada pola NASA a Marte), na que destaca sobre todo coa invención do Detector de Captura de Electróns, acadada en 1957, que é clave en cromatografía de gases para detectar trazas de compoñentes químicos no seu seo, a uns niveis indetectables por outras técnicas.

Ese umbral de detección foi clave en varios achádegos fundamentais da investigación medioambiental, como o descubrimento da ubicuidade de residuos de pesticidas no planeta e, sobre todo, no descubrimento de CFC na atmosfera, que el mesmo fixo nos anos 60 sobre Irlanda e a principios dos anos 70 na Antártida. Logo de escoitar unha ponencia de Lovelock acerca dos resultados, os norteamericanos Frank Rowland e Mario Molina continuaron o traballo e descubriron o grave perigo que o CFC entrañaba para a capa de ozono (o escudo do planeta fronte á radiación ultravioleta), traballo polo que lles foi concedido o Premio Nobel de Química en 1995. A posterior confirmación do burato na capa de ozono nos polos levou aos gobernos do mundo a prohibir o uso do CFC, na que é unha das principais iniciativas medioambientais tomadas a escala mundial.

Por todas estas contribucións ten recibido múltiples galardóns, en eidos que van dende a pura creación técnica ata a climatoloxía.

A súa posición de liderado científico, sobre todo na ciencia medioambiental, foi acompañada por un liderado pioneiro na creación de opinión pública, cuns efectos incalculables a nivel planetario. Ese rol reforzouno a partir de finais dos anos setenta, iniciando un labor divulgador máis directo coa publicación de libros fundamentais no ideario verde. Sobre todo destaca “Gaia: unha nova mirada á vida sobre a Terra”, publicado en 1979, libro ao que seguirían outros moitos, todos cunha profunda pegada e récord de vendas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.12.2021.