Premio Nobel "polo seu descubrimento de reguladores clave do ciclo celular".
O ciclo celular é o conxunto de procesos que permiten a unha célula dividirse para dar lugar a dúas células fillas. Este proceso é fundamental en bioloxía posto que constitúe o modo polo que os organismos pluricelulares, humanos incluídos, que inician a súa existencia como unha única célula (o zigoto), dan lugar aos miles de millóns de células que os forman na súa fase adulta. A división celular garante ademais a correcta reparación de tecidos damados ou a reposición de células mortas. As alteracións na división celular dan lugar a patoloxías de gran importancia socio-sanitaria das que a máis coñecida é o cancro.
O ciclo celular está gobernado por uns complexos moleculares constituídos por unha subunidade con actividade enzimática, chamada CDK, cuxa función é modificar outras proteínas celulares activándoas ou desactivándoas, e unha subunidade reguladora, chamada ciclina, cuxa presenza é necesaria para que a CDK funcione.
O profesor Tim Hunt descubriu en 1982, traballando con ovos de ourizo de mar, unha proteína que se acumulaba xusto antes da división celular, e que desaparecía bruscamente cando as células se duplicaban. Debido ao seu particular patrón de expresión, Hunt chamou "ciclina" a esta proteína. Os seus experimentos non só conduciron ao descubrimento da ciclina, senón que tamén demostraron que a degradación de proteínas era un mecanismo clave na regulación do ciclo celular. Hunt tamén demostrou a existencia das ciclinas noutras especies, poñendo de manifesto que as ciclinas, como ocorre cos CDKs, están moi conservadas durante a evolución.
O descubrimento de Hunt permitiu comprender cómo a información xenética, contida nos cromosomas, se reparte de modo equitativo entre as dúas células fillas durante a división celular. Este proceso debe ocorrer dun modo moi preciso no tiempo e a forma, e os reloxos que controlan este proceso son as ciclinas. Pero aínda máis, estes achados permitiron comprender cómo as alteracións no ciclo celular causan erros que desembocan na aparición do cancro, e estudos posteriores demostraron que a expresión alterada das ciclinas está presente en numerosos tumores humanos, o que pon de manifesto a relevancia dos traballos do profesor Hunt.