O Premio Nobel de Medicina Tim Hunt, novo convidado do Programa ConCiencia
‘Ciclo celular e cancro’ é o título da conferencia que Tim Hunt, Premio Nobel de Medicina en 2001, pronunciará en Compostela o mércores 9 convidado polo Programa ConCiencia de Divulgación científica que convocan a Universidade de Santiago e o Consorcio da cidade, este ano coa colaboración da Cidade da Cultura que albergará o acto central ás 20.00 horas. O profesor Tim Hunt, que visita Santiago apadriñado polo profesor da USC Anxo Vidal, comparte o Nobel co estadounidense Leland Hartwell e co tamén británico Paul Nurse polos seus descubrimentos nos reguladores chave do ciclo celular. Na actualidade Hunt desempeña a súa carreira profesional no Imperial Cancer Research Fund (Reino Unido). Tim Hunt será recibido polo reitor Juan Casares o martes 8 ás 13.00 horas no seu despacho de San Xerome. O mesmo día da conferencia, o mércores 9, Hunt impartirá ás 11.30 horas no edificio docente Novoa Santos do CHUS unha charla dirixida a persoal investigador sobre os mecanismos do control celular. A continuación trasladarase ao CIMUS (Campus Vida) para manter diversas reunións de traballo cos grupos de investigación da USC punteiros no eido das ciencias da vida. Tim Hunt Hunt descubriu en 1982 unha proteína, chamada ciclina, necesaria para a división celular. As ciclinas están presentes en todos os organismos, dende as unicelulares levaduras ata os humanos, e funcionan a xeito dun reloxo que marca cando unha célula pode repartir o seu material xenético (na forma de cromosomas) entre as células fillas. Este proceso é de crucial importancia en bioloxía non só porque controla cómo dunha única célula se poden orixinar as millóns de células diferentes que compoñen o corpo humano senón tamén porque se soubo que as alteracións nas ciclinas poden provocar a aparición do cancro.