Ir o contido principal

Historia

Historia da Casa de Europa

Imaxe do lateral

Este fermoso terreo aparece xa nos planos da cidade no ano 1796, co nome de Horta de San Martiño, propiedade do veciño mosteiro de San Martiño Pinario, que aínda está en funcionamento hoxe en día. O predio é un recinto rodeado en todo o seu perímetro por un potente muro de pedra que marca unha drástica separación entre o interior e o exterior, creando o seu propio mundo. O edificio de estilo colonial que aloxa a Casa de Europa foi erixido como residencia dunha familia da burguesía compostelá, no ano 1903.

No ano 1999 iniciáronse as obras de restauración baixo a dirección do arquitecto César Portela. O proxecto combinou a nobreza dos materiais orixinais co deseño vangardista, cores cálidas e austeridade na súa decoración, e ten como resultado final un definitivo realce do porte señorial e o esplendor dos tempos pasados desta casa. Sóubose introducir novos valores, compatibles cos herdados, para que poida adoptar novos usos e dar resposta a novas necesidades. Cunha contorna realmente envexable, ben podemos dicir que o seu extenso e variado xardín de máis de 36.000 metros cadrados fai honra ó seu sobrenome: Vista Alegre.

Foto aérea
Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.10.2023.