
O Auditorio da Facultade de Veterinaria acollerá o 21 de febreiro, ás 20.00 horas, o acto de entrega do XXV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural que recaeu en Traloagro, “pola súa aposta polo desenvolvemento sostible, a busca de solucións diversas para poñer en valor o rural e polo seu impacto na sociedade como proxecto”. O premio que recollerán Isabelle e Tito Gómez Rodríguez, socios fundadores de Traloagro, está dotado cunha achega de 10.000 euros e diploma acreditativo.
O reitor Antonio López Díaz presidirá a sesión na que tamén participarán a presidenta de Aresa, Carlota López Pardo; e a conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez Rodríguez. O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga López, en calidade de secretario do xurado, dará lectura ao ditame. Tamén integran a mesa presidencial José Manuel Núñez, director de Torre de Núñez, e Senén Barro Ameneiro, director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), que xunto ao reitor, vicerreitor e presidenta de Aresa integraron o xurado.
Durante a sesión, o profesor Barro, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e ex reitor da USC, pronunciará o relatorio 'IA? Ti vai facendo'. No transcurso do acto, farase entrega dunha insignia conmemorativa a todas as candidaturas premiadas ao longo destas 25 edicións do galardón.