Aula Magna

O profesor axudante doutor do Departamento de Química Física da USC David Ferro Costas será o convidado do ciclo 'Reactiva a túa Química' do día 26 de febreiro. Intervirá ás 13.00 horas na Aula Magna da Facultade, coa conferencia Máis alá do laboratorio: a Química na era dixital. Trátase dunha actividade transversal recoñecida con 1 crédito ECTS ao alumnado dos Graos en Química, Bioloxía, Biotecnoloxía, Enxeñaría Química e Farmacia
David Ferro Costas (DFC) é profesor axudante doutor na Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela. Cunha traxectoria de máis de 10 anos en Química Computacional, a súa investigación céntrase no desenvolvemento de métodos e ferramentas computacionais para a modelización de reaccións químicas e a análise dinámica de procesos moleculares.
Obtivo o seu doutoramento en Química Teórica e Modelización Computacional pola Universidade de Vigo no ano 2015, sendo recoñecido co Premio Extraordinario. En 2016 iniciou a súa etapa posdoutoral na Universidade de Santiago de Compostela como investigador no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS). En 2017 foi beneficiario das axudas posdoutorais competitivas da Xunta de Galicia, o que lle permitiu realizar estadías internacionais na Universidade de Porto (Portugal) e na Universidade de Viena (Austria) entre xullo de 2017 e outubro de 2019.
Tras o seu regreso a Santiago de Compostela, continuou como investigador posdoutoral no CIQUS, obtendo unha nova axuda posdoutoral competitiva da Xunta de Galicia para un período de dous anos. En setembro de 2023 accedeu á súa praza de profesor axudante doutor na Facultade de Química. Aínda que a súa actividade principal se desenvolve na facultade, DFC mantén colaboracións activas con investigadores do CIQUS.
Ao longo da súa carreira, destaca no desenvolvemento de ferramentas científicas innovadoras como Pilgrim, Q2DTor e TorsiFlex, programas recoñecidos internacionalmente polos seus avances no estudo da dinámica de reaccións químicas, a análise da anharmonicidade torsional e a exploración de conformacións moleculares. A súa investigación derivou en máis de 20 publicacións en revistas de alto impacto, así como nun capítulo de libro sobre os efectos cuánticos nucleares en moléculas.