Ir o contido principal

I Congreso Internacional, Profesional e Interuniversitario de Educación Social

08.05.2025-09.05.2025 | 09.00h

Ten como lema 'Acompañamento socioeducativo e benestar'

Facultade de Ciencias da Educación no Campus Sur. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Ciencias da Educación no Campus Sur. FOTO: Santi Alvite

Baixo o lema ‘Acompañamento socioeducativo e benestar’, a Facultade de Ciencias da Educación da USC (Campus Sur) acollerá os días 8 e 9 de maio o I Congreso Internacional Profesional e Interuniversitario de Educación Social (CIPIES-25). O encontro busca ser un espazo de divulgación e reflexión científica e profesional da Educación Social no que compartir investigacións, experiencias, coñecementos e prácticas socioeducativas innovadoras. Estes dous días, indica a organización, "estarán cheos de presentacións inspiradoras, espazos de diálogo, simposios temáticos, presentación de traballos e oportunidades para relacionarte con colegas con paixón pola educación social".

O CIPIES-25 está organizado polas tres universidades públicas galegas así como pola UNED e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG). Preside o comité organizador a profesora Laura Varela Crespo, do grupo de investigación SEPA-interea da USC, e a vicepresidencia corre a cargo de Rocío Núñez Rúa, do CEESG.

O congreso representa unha interesante oportunidade para reflexionar sobre o papel do acompañamento socioeducativo na promoción do benestar, unha das estratexias clave da educación social. A opción por este enfoque supuxo un cambio na forma de traballar, respectuoso coas persoas e o protagonismo sobre as súas vidas.

O programa do encontro abordará temas fundamentais no campo da Educación Social a través de cinco eixos temáticos: Benestar, comunidade e calidade de vida; Diversidade e interseccionalidade; Educacións críticas e transformadoras; Corpo, artes e medios audiovisuais, e Áreas emerxentes.

O encontro comezará o xoves 8 coa conferencia plenaria ‘Resignificar as prácticas socioeducativas a través do acompañamento’ a cargo de Jordi Planella Ribera, da Universitat Oberta de Catalunya, para continuar co acto de inauguración, que terá lugar ás 10.30 horas. A xorbnada dese día continuará con dás mesas de diálogo sobre o acompañamento socioeducativo así como a presentación de comunicacións.

Xa o venres 9 o programa contempla, ademais de comunicacións e pequenos simposios, unha mesa de diálogo sobre os futuros da educación social e a conferencia plenaria ‘Mirada comunitaria do acompañamento socioeducativo nos servizos sociais’ da educadora social e consultora Clàudia Manyà, coa que se pechará o encontro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.05.2025.