Ir o contido principal

Día das Letras Galegas na USC

16.05.2025 | 12.00h

Santiago de Compostela
Salón Nobre

Adolfina Casás Rama fotografada pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth na Vila da Igrexa Cerceda. Fonte: Schubarth-Santamarina. Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego
Adolfina Casás Rama fotografada pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth na Vila da Igrexa Cerceda. Fonte: Schubarth-Santamarina. Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego

A Universidade de Santiago celebrará o Día das Letras Galegas, dedicado este ano ás cantareiras e á poesía popular oral, o venres 16 de maio ás 12.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca nun acto presidido polo reitor Antonio López.

O acto académico dará comezo coa intervención do profesor Francisco Cidrás Escáneo, director do Departamento de Filoloxía Galega, e continuará coa presentación do libro editado por USC Edicións Canta ti, cantarei eu. A poesía popular oral a cargo da profesora Ana Isabel Boullón Agrelo, editora e coordinadora do volume.

A cerimonia contará ademais coa conferencia do académico ex presidente da Real Academia Galega e catedrático xubilado da USC, Xesús Alonso Montero, titulada ‘Poesía e sociedade no cancioneiro popular galego’.

O Día das Letras Galegas dedícaselle este ano á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). É por iso que todo o acto será amenizado polo grupo musical Ferreñas Ceibes, composto por estudantado do Grao de Filoloxía Galega da USC, que interpretará as pezas tradicionais Maneo de Mens, Muiñeira de Cerceda, Pasodobre de Agranzón, Pasodobre de Mens e Xota de Agranzón.

Ferreñas Ceibes está formado por Joaquim de Andrade (Ortigueira), Iria Araúzo (Barreiros), Nerea Carballo Fernández (Xinzo de Limia), María Fuciños Corral (Melide), Hélio Miramontes (Lavadores), Andrea Mosteiro Sanxiao (A Estrada), Anxela Outeiro Castro (Meaño), Xía Sar (Muxía).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.05.2025.