Salón de Graos

O Laboratorio de Innovación e Economía Social de Galicia (Liesga) organiza este martes 25 o evento ‘Diálogos Inspiradores: Universidade e Economía Social’, unha xornada clave para analizar o papel da tecnoloxía no desenvolvemento de modelos empresariais sostibles e cooperativos.
O encontro, que terá lugar no Salón de Grados da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, reunirá a persoas expertas do ámbito da economía social e da innovación tecnolóxica para debater sobre o potencial das solucións dixitais con impacto social. O obxectivo desta iniciativa é demostrar que a tecnoloxía e a economía social poden avanzar da man, impulsando innovacións sostibles que sitúen ás persoas e ao ben común no centro do desenvolvemento empresarial.
Participarán nesta xornada a directora xeral do IGAPE, Covadonga Toca; o representante de Idearia Soluciones S. Coop. Galega, con ampla experiencia en proxectos de economía social e tecnoloxía, Fran Otero; e a investigadora de LIESGA, impulsora de iniciativas que conectan a universidade co sector cooperativo, María Bastida.
O evento está dirixido a estudantes, profesionais, emprendedores/as e persoas interesadas en coñecer novas formas de emprendemento sostible, combinando tecnoloxía e impacto social. Durante a xornada, explorarase como a transformación dixital pode ser unha ferramenta clave para construír modelos de negocio máis xustos, democráticos e inclusivos.
Os ‘Diálogos Inspiradores’ forman parte da programación de ConectaESGalega, unha iniciativa que busca fomentar o diálogo entre a economía social e os sectores tecnolóxicos e innovadores en Galicia. Esta actividade enmárcase no programa de actuación 2023-2024 da Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, para o fomento do cooperativismo e a economía social. A Rede Eusumo conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.
