Ir o contido principal

Habelas Hainas. Xornada divulgativa sobre a investigación matemática

21.11.2024 | 16.30h
Cartel do evento
Cartel do evento

Máis de 150 estudantes danse cita este xoves no Habelas Hainas, unha xornada divulgativa na que persoal investigador de diversas áreas tentará explicar dun xeito desenfadado e sinxelo para que se empregan e que son as matemáticas. Este evento, un ‘clásico’ do centro, rematará cun magosto tradicional.

Organizada pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade e o Seminario de Iniciación á Investigación (SII), a xornada comezará ás 16.30 horas coa intervención da profesora María José Ginzo Villamayor titulada ‘Emerxencias por alcol: habelas, hainas!’ na que se mergullará nos datos desas chamadas ao 061 entre 2007 e 2018 para descubrir patróns interesantes sobre onde e cando ocorren. Utilizando ferramentas estatísticas, analizarase como factores como a hora, o lugar ou as festividades inflúen na cantidade de chamadas que recibe o servizo de emerxencias. Que nos din eses patróns sobre as zonas de Galicia con máis intoxicacións etílicas e como podemos usar estes datos para mellorar a prevención e xestionar mellor os recursos de saúde é o obxectivo da charla.

A continuación, Isaac Carcacía Campos intervirá con ‘A ditadura topolóxica’. Segundo explicará, dende a aparición do teorema de Arrow sabemos que existen imposibilidades para que poidan existir aplicacións que permitan a agregación de preferencias sociais. Coa topoloxía pódese abordar este problema atopando obstrucións semellantes. Nesta charla abordará como entender a elección social empregando ferramentas da topoloxía alxébrica que mostrarán que case ningún espazo de preferencias admite unha elección democrática. “Non obstante, veremos que podemos estudar como de lonxe está un espazo de admitir unha votación”, matiza.

O infinito será a cuestión que trate Fernando Saco Pérez, fundamentado na idea de que ao longo da historia os matemáticos se preguntaron se o infinito existe realmente e, no caso de que exista, se só hai un infinito ou máis dun. Mesmo para un dos máis grandes matemáticos da historia, Carl F. Gauss, «o infinito é só una maneira de falar». Georg Cantor fixo unha profunda investigación sobre os conxuntos transfinitos, que revolucionou o concepto de infinito no mundo das matemáticas. Será precisamente a súa teoría o obxecto desta charla.

A xornada continuará coa intervención de Andrea Polo Rodríguez titulada ‘Matemáticas para modelar a vida’. A bioloxía de sistemas é unha disciplina recente que persegue estudar procesos biolóxicos complexos dende unha perspectiva sistemática; isto é, comprender non só as pezas que interveñen no proceso, senón as relacións e interaccións entre elas, é dicir, o sistema que conforman. A día de hoxe, hai moitos experimentos que non se poden levar a cabo en laboratorios por restricións como a imposibilidade de reproducir certas condicións físicas, e a modelización e simulación matemáticas poñen solución a este problema.

A penúltima das charlas leva por título ‘Máis alá dos números naturais: transfini... que?’ e correá a cargo de Eduardo Loureiro Novo, na que falará dos teoremas de incompletitude de Gödel, que afirman que, fixado un sistema de axiomas, existen enunciados que non se poden demostrar nin refutar dentro dese sistema. Na charla falará dun deses resultados: a converxencia das sucesións de Goodstein.

Por último, será a quenda de Lucía López Somoza, que porá o foco no problema da corda vibrante, impulsado como un xeito de explicar a música a través das matemáticas e que xerou un dos maiores debates na historia da ciencia. Na súa charla fará un percorrido histórico polas achegas realizadas por diversos matemáticos nas súas tentativas (e discusións) na busca da solución deste problema.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.11.2024.