Aula Magna

Un ano máis, estudantes de 2º de bacharelato de toda Galicia teñen a oportunidade de participar na Masterclass Internacional de Física de Partículas organizada polo Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, grazas a unha colaboración co Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas – IPPOG (promotor da Masterclass) e o CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear).
A xornada do 6 de marzo no Campus Sur da USC permitirá ao alumnado compartir unha xornada con persoal investigador do IGFAE e o CERN, traballando ademais con datos reais de experimentos realizados no Gran Colisionador de Hadróns (LHC) situado nas instalacións da Organización Europea para a Investigación Nuclear, baixo a fronteira entre Francia e Suíza.
A Masterclass consistirá nunha serie de conferencias sobre física de partículas, ademais dunha sesión práctica na que se usarán datos reais obtidos no experimento LHCb do CERN. O alumnado participante analizará os resultados deste traballo nunha videoconferencia con persoal do CERN e con mozas e mozos de Italia, Lituania e Valencia, que participan na mesma xornada de maneira simultánea.
Na xornada poden participar dous estudantes de 2º bacharelato de cada centro educativo, cun máximo de participantes de 100.