Ir o contido principal

Palestra 'Unha ollada sobre o consumo precoz de pornografía'

20.02.2025 | 18.00h

Salón de Actos

Enmarcada na VII edición de Tempo da Psicoloxía

O primeiro contacto coa pornografía prodúcese, de media, aos 8 anos de idade, e xeralízase aos 14
O primeiro contacto coa pornografía prodúcese, de media, aos 8 anos de idade, e xeralízase aos 14

O primeiro contacto coa pornografía prodúcese, de media, aos 8 anos de idade, e xeralízase aos 14. A falta dunha educación sexual e afectiva, xunto  con este consumo en idades moi temperás, impacta no seu desenvolvemento emocional, psicolóxico e social. A distorsión da realidade sobre a sexualidade e as relacións, o risco de comportamentos sexuais problemáticos ou violentos, así como o impacto negativo na súa educación sexual, son algunhas das consecuencias deste consumo, que tentará abordar dende distintas ópticas a sétima edición de Tempo da Psicoloxía.

Será os días 20 e 21 de febreiro, baixo o título ‘Unha ollada sobre o consumo precoz de pornografía’ e a través dunha palestra e unha conferencia organizadas conxuntamente entre a Facultade de Psicoloxía e o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Como é habitual, o encontro está aberto a todo o público interesado, con carácter gratuíto, e poderá seguirse de xeito presencial no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía así como en liña, a través da web https://tempodapsicoloxia.gal, para o que é preciso inscribirse.

A palestra principal, que reflexionará sobre o consumo precoz de pornografía, será o 20 de febreiro ás 18.00 horas. Moderada pola xornalista Marga Tojo, contará coa participación de Cristina Sanjuán Vázquez, experta en protección da infancia e unha das autoras do informe '(Des)información sexual: pornografía y adolescencia. Un análisis sobre el consumo de pornografía en adolescentes y su impacto en el desarrollo y las relaciones con iguales', publicado por Save the children; Sandra Sanmartín Feijoo, doutora en Psicoloxía Social que en 2024 liderou un estudo na Universidade de Galway sobre a relación entre a pornografía e as actitudes cara ás agresións e a violencia entre adolescentes; e Inma Araújo López, psicóloga da Asociación Alborada e integrante do programa VINCO de intervención con menores con condutas sexuais abusivas e/o inadecuadas.

Tempo da Psicoloxía rematará o venres 21, no marco da conmemoración do Día da Psicoloxía Académica, coa conferencia ‘Consumo de pornografía na infancia e na adolescencia: consecuencias a nivel afectivo e social’ que impartira Berta Aznar-Martínez, doutora en Psicoloxía da Educación e profesora na Universidade Ramón Llull, onde coordina o mestrado en prevención, detección e intervención da violencia sexual desde unha perspectiva interdisciplinar.

Tempo da Psicoloxía
A Facultade de Psicoloxía organiza cada ano na terceira semana do mes de febreiro, coincidindo coa Semana da Psicoloxía e en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, o evento Tempo da Psicoloxía. A actividade, que comezou en 2019, ten por obxecto fomentar a colaboración entre o mundo académico e o profesional de cara á transmisión do coñecemento psicolóxico e das súas aplicacións ao contorno social.

Trátase dunha actividade de divulgación da Psicoloxía e de diálogo cos axentes sociais sobre temáticas de interese xeral que afectan ao benestar e á saúde mental da poboación. De aí que cada ano verse sobre un tema de actualidade no que a Psicoloxía contribúe desde o exercicio profesional pero tamén fomenta o diálogo con outras disciplinas profesionais e da cabida aos axentes sociais implicados.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.02.2025.