
A ciencia volve espallarse polas cidades de Lugo e Santiago de Compostela grazas a unha nova edición do Pint of Science, un festival de divulgación científica que ten como obxectivo comunicar ao público os avances neste eido dunha maneira interesante e atractiva, levando a especialistas vinculados á USC aos bares e a outros lugares accesibles para o conxunto da cidadanía. O festival que chega este ano á súa décima edición desenvólvese os días 19, 20 e 21 de maio, a partir das 18.00 horas en Lugo e das 18.30 horas, en Compostela. A entrada é libre e gratuíta para todos os públicos.
Lugo
Na cidade de Lugo, o Mesón do Forno (Rúa Río Ser, 12) acolle o luns 19 os relatorios de Rosario Panadero Fontán, Ana Isabel Barreiro Buján e Ana Isabel García Arias, que levarán por título, respectivamente, ‘Que narices pasa co verme das narices?’, ‘Contaminación por antibióticos en solos agrícolas’ e ‘O custe das especies invasoras: a vespa velutina’.
Xa o martes 20, no Santeiro’s Terraza (Rúa Santiago, 214), será a quenda de Isidoro Rodríguez Pérez, Ignacio López López e Claudio Rodríguez Fer, que abordarán a figura de Elvira López Mourín, por que se fala tanto da superliga de fútbol e a poesía como coñecemento revolucionario integral.
‘Os que nos rouban o alimento: tomates e pementos’ será o título da charla que Javier Veloso Freire impartirá no Ho! Gruf (Praza do Campo Castelo, 30) o mércores 21. Na mesma sesión, intervirá Ana Cabana Iglesia para lanzar a pregunta ‘En caso de incendio... importa ser muller?’. A todos estes especialistas da USC súmase Laura Fernández de Uña, da Universidade de Vigo, para profundar nos bosques e na seca.
