Ir o contido principal

Proxección do filme Race d'Ep, no Ciclo de Cinema Filosófico

05.03.2025 | 18.00h

Salón de Actos

Facultade de Filosofía
Facultade de Filosofía

O mércores 5 chega unha nova sesión do Ciclo de Cinema Filosófico, organizado polo Cineclube Mazarelos da Facultade de Filosofía. Nesta ocasión proxectarase ás 18:00h no Salón de Actos da Facultade o filme Race d'Ep (1979), de Lionel Soukaz en colaboración con Guy Hocquenghem (VOSE).

Lionel Soukaz (1953-2025), falecido hai poucos días, foi un cineasta francés experimental e autor de documentais sobre a loita LGTB  e polos dereitos dos homosexuais, cando a homosexualidade aínda era un tema tabú en Francia. O filme que se proxectará foi censurado e finalmente prohibido. Defendido nun manifesto por Michel Foucault, Roland Barthes, Gilles Deleuze, Marguerite Duras e Simone de Beauvoir, finalmente puido ser estreado aínda que nunha versión expurgada.

O filme será presentado por Alberto Berzosa, profesor da Universidade Autónoma de Madrid e investigador no marco do proxecto Perverse Collections: Building Europe's Queer and Trans Archives. Alberto conta cun doutoramento europeo en Historia e Teoría das Artes e traballa no campo de intersección entre a arte contemporánea, a historia do cinema español, os arquivos de carácter político e a curadoría. Foi comisario de exposicións celebradas en espazos como La Casa Encendida (Madrid), MACBA ou IVAM. É autor dos libros Materiales para una utopia ecologista. Cartografía de Archivos del movimiento ecologista en España (Icaria, 2023) e Cine y sexopolítica (Brumaria, 2021).

Esta é unha actividade do proxecto Cultura en Mazarelos da Facultade de Filosofía, que conta cunha axuda da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da USC e cun recoñecemento de dous créditos ECTS para todo o alumnado da nosa universidade. 

Entrada de balde ata completar a capacidade do espazo.

Cartel do evento
Cartel do evento
Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.03.2025.