Ir o contido principal

Simposio ‘Retos no manexo da dor crónica no territorio transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal’

06.06.2025 | 09.30h
O encontro será na Facultade de Psicoloxía. Foto: Santi Alvite
O encontro será na Facultade de Psicoloxía. Foto: Santi Alvite

A dor crónica afecta o 20% da poboación europea e representa un grave problema de saúde pública, social e económico. A pesar da súa alta prevalencia e do impacto que ten na calidade de vida, continúa a ser unha condición infradiagnosticada e tratada de forma insuficiente, moitas veces limitada a tratamentos farmacolóxicos pouco efectivos ou con efectos adversos.

Neste contexto, no marco do proxecto PAINLESS Horizon Europe Project que lidera na USC a catedrática de Psicoloxía Teresa Carrillo de la Peña, a Universidade de Santiago de Compostela e a FINNOVA Foundation organizan este venres 6 a xornada de traballo ‘Retos no manexo da dor crónica no territorio transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal. Innovación e desenvolvemento de novas estratexias no sector sanitario’.

O encontro, con inscrición de balde e diploma de asistencia, desenvolverase en formato híbrido na Facultade de Psicoloxía das 9.30 a 18.00 horas. Nel reuniranse representantes do SERGAS, profesionais de atención primaria e unidades da dor, asociacións de doentes, responsables de políticas sanitarias, axencias de innovación e representantes de programas europeos como Horizon Europe e Interreg.

A través de mesas redondas e espazos de networking, debaterase sobre o estado actual do manexo da dor crónica, os seus principais retos e posibles vías de mellora, con especial atención á innovación, a educación e a coordinación entre niveis asistenciais. Así, abordaranse as seguintes temáticas: situación actual do manexo da dolor na área transfronteiriza; os fondos UE para investigación e innovación; retos e necesidades dos profesionais sanitarios; propostas de mellora da coordinación entre servizos; análises de barreiras para a implementación do modelo biomédico; papel da formación en dor; e co-creación de solucións innovadoras.

Proyecto Painless

O proxecto Painless, financiado polo programa Horizon Europe Research and Innovation, busca comprender os mecanismos que subxacen á dor relacionada co cancro e proporciona unha alternativa ao alivio farmacolóxico. PAINLESS utiliza un enfoque innovador e baseado na evidencia para investigar unha intervención novidosa, rendible e domiciliaria para controlar a dolor relacionada co cancro mediante a neuromodulación. Coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela, o consorcio de PAINLESS está formado por máis unha vintena de institucións de Bélxica, Chequia, Dinamarca, Francia, Alemaña, Israel, Portugal, Rumanía, España e Suiza. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.06.2025.