Salón de Actos

O profesor Roberto Bande tomará posesión o mércores 5 como decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo nun acto que presidirá o reitor Antonio López ás 13:00 horas no Salón de Graos do centro.
Roberto Bande é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola USC (1996), mestrado MSc in Economics polo Birkbeck College da University of London (1997), doutor en Economía pola USC (2002) e Premio Extraordinario de Doutoramento. Na actualidade, e dende o ano 2022, é profesor titular de universidade no departamento de Fundamentos da Análise Económica, no que leva desenvolvendo a súa actividade docente e investigadora dende que comezou os seus servizos na USC no ano 1998. Dende hai sete anos imparte docencia de xeito regular na Facultade de ADE, aínda que tamén tivo encargo docente en diferentes cursos na Facultade nos últimos vinte anos.
No eido investigador, ten recoñecido tres tramos de investigación e un de transferencia por parte da Comisión Nacional de Avaliación da Actividade Investigadora (sexenios), ten dirixidas sete teses de doutoramento (todas elas avaliadas coa máxima cualificación), e foi o coordinador na USC do Programa de Doutoramento Internacional Interuniversitario en Ciencias Sociais e Envellecemento entre 2020 e 2024.