
O VIII Congreso Internacional 'O Camiño do medievalista: Fiat lux' desenvólvese entre o mércores 2 e o venres 4 de abril do 2025 na Facultade de Historia compostelá. Desde a organización do evento explican que "Na orixe de toda comprensión está a luz. Desde o solemne Fiat lux do libro da Xénese, a luz foi símbolo e substancia de todo saber, especialmente na Idade Media, onde foi moito máis que un fenómeno físico: foi unha ponte cara ao divino, un reflexo do eterno no temporal. As catedrais asolagábanse de luz, tamizada polos vitrais que non só embelecían o espazo, senón que transformaban o caos do mundo nun mosaico de claridade ordenada, de cores que elevaban o espírito. Así pois, e rescatando o espírito da locución latina Fiat lux (Sexa a luz), propoñemos como temática a prevalencia da claridade. Como a luz que atravesa os vitrais, a nosa misión é filtrar, transformar e ofrecer novas visións que, desde a transparencia e a claridade, iluminen o vasto universo do medieval. Esta móstrase a vía para combater a idea de escuridade e atraso do período medieval que leva arrastrando popular e historicamente, mediante unha renovación discursiva como punto clave sobre o que pivote o avance historiográfico".
A organización agarda que o congreso sexa, un ano máis, "un lugar de encontro para o panorama investigador da Idade Media, onde os mozos medievalistas se sumen a esta tradición luminosa. Con esta oitava edición do Congreso Internacional 'O Camiño do Medievalista' pretendemos lanzar unha necesaria luz sobre o mundo medieval, facendo confluír investigacións nun espazo interdisciplinar, onde a xeración do coñecemento proveña da achega de cada campo de estudo.
