Edificio Fontán. Cidade da Cultura
Baixo o título ‘Ciencia e conciencia no século XXI’, interveñen Joan Subirats e Pilar Rico

O Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), Economics and Business Administration for Society (ECOBAS) e o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) celebran o 20 de febreiro en Compostela as I Xornadas de Centros de Investigación Interuniversitarios de Galicia, primeiro encontro aglutinador de talento investigador das tres universidades galegas.
Baixo o título ‘Ciencia e conciencia no século XXI’, máis de medio centenar de investigadoras e investigadores das tres universidades públicas do SUG se darán cita na Cidade da Cultura. A iniciativa servirá para presentar o novo camiño de co creación que están a construír estes tres centros de investigación de nova xeración, poñendo en valor o gran potencial que pode ofrecer á sociedade a tarefa investigadora dende unha perspectiva científica multi e interdisciplinar.
Dende as súas respectivas direccións científicas, Rosa Crujeiras (CITMAga), María Loureiro (ECOBAS) e Lourenzo Fernández (CISPAC) coinciden en sinalar o carácter diferencial do seu enfoque, “imprescindible” para abordar os desafíos globais aos que se enfronta a sociedade de hoxe. Os máximos responsables dos tres centros interuniversitarios avogan por trazar estratexias comúns de cooperación e liñas de traballo colaborativas entre o persoal dos tres centros, compartindo as preocupacións que están a abordar dende as súas respectivas axendas científicas.
Ética e ciencia de acceso aberto
Baixo o título ‘Ciencia e conciencia no século XXI’, a I Xornada de Centros de Investigación Interuniversitarios de Galicia contará coa participación de persoal experto de primeiro nivel para tratar aspectos de importancia crecente na produción científica actual.
Así, co obxectivo de afondar na perspectiva de democratización da ciencia que están a promover os distintos estamentos públicos, a xefa da unidade de Ciencia Aberta da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), Pilar Rico, impartirá a conferencia ‘Ciencia aberta: o coñecemento como un ben público’.
A continuación, o ex ministro de Universidades, catedrático de Ciencia Política e investigador da Universidade Autónoma de Barcelona, Joan Subirats, compartirá a súa perspectiva coa intervención ‘Ciencia no século XXI: límites, ética e necesidades sociais da investigación’, na que convida a unha reflexión crítica sobre as cuestións éticas que afectan á ciencia nun entorno altamente cambiante e sometido á velocidade dos avances tecnolóxicos.
IA, transición enerxética, inequidade…
Organizadas en tres grupos de traballo, as reunións científicas da xornada se estruturan en sesións paralelas para abordar o ámbito tecnolóxico, o ambiental e o social, co obxectivo de definir unha axenda de temáticas de investigación comúns aos tres centros interuniversitarios para a xeración de sinerxías e o aproveitamento conxunto das diversas capacidades que cada un ofrece.
Dende a intelixencia artificial como gran desafío que xurde do desenvolvemento tecnolóxico ata a crise ambiental e a transición ecolóxica ou a desigualdade, pasando polas migracións ou os populismos. O persoal investigador identificará a complementariedade das distintas disciplinas científicas implicadas e a converxencia das preocupacións que comparten.