Ir o contido principal

2.200 estudantes de secundaria coñecen esta semana a USC

2.200 estudantes de 42 centros de ensino secundario de toda Galicia visitarán esta semana o campus de Compostela dentro dos Encontros na zona USC 2015. Trátase dunha iniciativa na que o programa A Ponte pretende achegar ao estudantado de ensino medio os estudos nos que poida estar interesado mostrándolle as materias coas que se van atopar así como as posibles saídas profesionais das titulacións. As visitas comezarán este martes 3 e continuarán o mércores e o xoves. O alumnado terá a posibilidade de coñecer as instalacións onde se imparte a titulación así como asistir a unha clase regular de 1º curso e nalgún caso visitar os laboratorios de clases prácticas. Nestas visitas, ademais dos responsables dos centros participan os titores do alumnado de 1º curso que serán os encargados de dirixir a visita polos campus e comentarlles a súas vivencias na USC. Están deseñados trece itinerarios que percorrerán a partir das 10.45 horas os centros do Campus Norte así como de Campus Vida. No primeiro caso, con saída na Residencia Burgo das Nacións, están programadas visitas a Filoloxía e Ciencias da Comunicación; Ciencias Económicas e Empresariais; Ciencias da Educación e Traballo Social; Enfermaría, Medicina e Odontoloxía; e Xeografía e Historia e Filosofía. En Campus Vida, con saída dende a Residencia Monte da Condesa, realizaranse visitas a Dereito, Relacións Laborais e Ciencias Políticas e Sociais; Química e Enxeñaría Química; Bioloxía e Farmacia; Matemáticas e Enxeñaría Informática; Matemáticas e Física; Física e Enxeñaría Informática; Óptica e Optometría; Psicoloxía e Ciencias da Educación. As visitas completaranse na sesión da tarde con visitas ao patrimonio histórico da USC, o Museo de Historia Natural, o Centro Superior de Hostalaría de Galicia, as residencias universitarias e a Cidade da Cultura.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.02.2015.