750 profesionais da psicoxeriatría danse cita na USC
O reitor da USC, Juan Casares, presidirá este domingo 26 ás 17:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca a inauguración do congreso da International Psychogeriatric Association (IPA), organización dedicada aos problemas de saúde mental das persoas maiores. Baixo o lema “Diversidade, colaboración e dignidade” os expertos analizarán os avances e necesidades na atención psiquiátrica ao paciente ancián. Nesta xornada inaugural interveñen ademais do reitor, os co-presidentes do comité organizador, o profesor Raimundo Mateos e Manuel Franco; o presidente da IPA, Masatoshi Takeda; e a directora xeral de Dependencia e Autonomía Persoal, Coro Piñeiro. Un total de 750 profesionais procedentes de 40 países danse cita neste encontro ao abeiro do que tamén se celebra o V Congreso da Sociedad Española de Psicoxeriatría e o X Congreso da Asociación Portuguesa de Xerontopsiquiatría. Entre os asistentes atópanse psiquiatras, xeriatras, neurólogos, psicólogos, profesionais da Enfermaría e do Traballo Social e un longo número de perfis profesionais vinculados co coidado dos maiores.
Trátase dunha temática de actualidade xa que en España, e en particular en Galicia, a porcentaxe de persoas maiores e dos máis altos do mundo, entre o 17 e o 22% da poboación respectivamente.