Ir o contido principal

Máis de 80 alumnos de vinte países comezaron na Facultade de Filosofía os Cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’

O alumnado, neste edición, procede dunha vintena de países. Foto: Servimav-USC
O alumnado, neste edición, procede dunha vintena de países. Foto: Servimav-USC
Este programa formativa celebra este ano tres décadas achegando a lingua e a cultura galegas a persoas de fóra da comunidade

Máis de 80 estudantes procedentes dunha vintena de países iniciaron este luns 3 de xullo o programa dos cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’ que coa colaboración do Instituto da Lingua Galega da USC, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña organiza a Real Academia Galega (RAG). Ata finais de mes a Facultade de Filosofía acolle a alumnado procedente de Alemaña, Austria, Brasil, Reino Unido, Canadá, República Checa, Chile, Croacia, Cuba, Estados Unidos, Hungría, India, Italia, México, Polonia, Romanía, Portugal, Ucraína, Xapón e doutras autonomías do Estado español.

No acto inaugural interviñeron o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, María do Carme Silva Domínguez; o secretario da RAG e codirector dos Cursos, Henrique Monteagudo; o director do ILG, Ernesto González Seoane; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.

As sesións desenvolveranse ata o 24 de xullo na Facultade de Filosofía e combinarán as clases teóricas e prácticas con obradoiros de música e baile e palestras impartidas por persoas do mundo da literatura, a música ou a arte dramática. Unha charla-concerto de Uxía Senlle e Sérgio Tannus, un espectáculo sobre Carlos Casares a cargo do actor Avelino González, outra charla-recital da poeta e académica electa Chus Pato ou un percorrido pola cultura na Rede da man do director de culturagalega.gal, Manuel Gago, son parte do programa que completa as aulas teóricas e prácticas de lingua e cultura.

Os participantes poderán tamén gozar dunha visita á Casa-Museo Rosalía de Castro, guiada por Anxo Angueira, que concluirá cunha conferencia da profesora Catherine Davies, directora do Instituto de Investigación en Linguas Modernas da Universidade de Londres.

De esquerda a dereita, Ernesto González, Goretti Sanmartín, María do Carme Silva, Víctor Freixanes, Valentín García e Henrique Monteagudo. Foto: Servimav-USC

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.07.2017.