O 8M reivindicará políticas públicas efectivas que promovan a igualdade
O Día Internacional das Mulleres, conmemorado cada 8 de marzo, é recoñecido polas Nacións Unidas como unha xornada para reflexionar criticamente sobre a situación de discriminación que sofren as mulleres, en todos os ámbitos e en todo o mundo, en pleno século XXI. A xornada lembra tamén a necesidade de promover políticas públicas reais e efectivas para corrixir esta situación. Presentacións de libros, xornadas, obradoiros, sesións de cinema, teatro, relatorios, coloquios e mesmo un trivial feminista veñen integrando o programa de actividades da USC ao longo destes días e que se estenderá ás vindeiras semanas.
O acto institucional que o mesmo 8 de marzo, no Paraninfo da Universidade, servirá de marco para dar lectura ao manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIGEU), tamén recoñecerá a ‘ARMELA. Rede de investigación en igualdade, dereitos e Estado social’ pola súa traxectoria en prol da igualdade de xénero na Universidade. O acto dará comezo ás 12.30 horas e poderá seguirse a través da canle de YouTube da USC.
Libros
O luns 6, terá lugar na Casa de Europa a presentación do libro Género y Política. Nuevas líneas de análisis ante la cuarta ola feminista, do que son editoras Alba Alonso e Marta Lois, profesoras da área de Ciencia Política e da Administración da USC. O acto que comezará ás 12.00 horas contará coa participación do reitor Antonio López, da ministra de Traballo e Economía Social e vicepresidenta terceira Yolanda Díaz; do decano da Facultade de Ciencias Políticas, Ramón Bouzas Lorenzo; da catedrática de Filosofía Moral, María Xosé Agra Romero; e da profesora da Universidade do País Vasco, Arantxa Elizondo; xunto coas editoras da obra.
Pola súa parte, o profesor da USC Xosé Ramón Veiga presentou o pasado martes 28 na Facultade de Humanidades do campus de Lugo, tamén dentro do programa de actividades do 8M, o libro Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872) Facer do século.
Reflexión e debate
O obradoiro 'Tomar a palabra na Academia' desenvolverase na Facultade de Filosofía o vindeiro luns 6, a partir das 18.00 horas. Con anterioridade, o pasado mércores 1, tivo lugar a xornada 'Mulleres na Economía', na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. A profesora Carmela Sánchez-Carreira foi a encargada de moderar a mesa redonda 'Economía dos coidados', na que interviñeron María Xosé Rodríguez Galdo, Nélida Lamelas e Eva Aguayo.
Os cinemas do eu e dende o eu, o cine proceso como fórmula reflexiva, o cine ensaio como método de pensar o mundo a través das imaxes e como método para deixar que as imaxes recuperen o seu peso serán as prácticas que se abordarán na oitava edición do CO(M)XÉNERO, Seminario Permanente de Comunicación e Xénero, organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, do 6 ao 7 de marzo.
Baixo o lema ‘Videoensaio: cinema menor?’ o foro servirá para reflexionar arredor da liberdade e heteroxeneidade desta práctica vencellada ao cinema feminista dende as súas orixes; e xogará coas reflexións de Deleuze e Guattari en Kafka. Pour une littérature mineur “para considerar este tipo de ensaio coa cámara como cine político e con arume colectivo, como cine que constrúe espazos de emancipación”, explican dende a organización. Logo da benvida a cargo da profesora Margarita Ledo, Ana Mejón achegará, na primeira das xornadas que se desenvolve o 6 de marzo, a experiencia da revista Tecmerin, destacada por Sight and Sound polos seus contidos desenvolvidos a través de videoensaios; mentres que Xisela Franco proporá, na sesión do día 7 e dende a súa propia praxe, técnicas de traballo para ensaiar cos xéneros do eu.
A mesa de debate 'A muller en I+D+i' contará coa asistencia de mulleres implicadas en distintos ámbitos da investigación, desenvolvemento e innovación, que transmitirán a súa visión ao alumando sobre as distintas facetas das mulleres na ciencia, a tecnoloxía e a sociedade. As integrantes da mesa e a moderadora foron convidadas en base á súa traxectoria en I+D+i, e son, na súa maioría, egresadas da Facultade de Ciencias que desenvolveron as súas carreiras en ámbitos relacionados coa súa formación. Esta actividade promovida pola Facultade de Ciencias do Campus de Lugo e dirixida ao alumnado da Facultade, malia estar aberta ao público en xeral, desenvolverase o 8 de marzo ás 10.00 horas no Salón de Actos do centro.
Pola súa parte, José Manuel Vázquez Lijó, profesor da UDC, pronunciará o vindeiro mércores 8 o relatorio 'Un mar en feminino. Achega histórica ás actividades das mulleres na economía marítima de Galicia'. A Sala de Conferencias do Arquivo Histórico acollerá a sesión a partir das 18.00 horas. Ao día seguinte, na Facultade de Humanidades, María Xosé Agra Romero, catedrática de Filosofía Moral e Política da USC, ademais de especialista en teoría crítica feminista, impartirá a conferencia 'Seguindo co problema: de naturezas e maternidades', ás 11.30 horas. Ademais, esta Facultade da USC contará o venres 10 coa charla 'A(s) memoria(s) das mulleres da colonización (Veiga de Pumar): un proxecto cultural a partir da historia oral', a cargo de Zaida Villanueva García, alumna do mestrado de Servizos Culturais. O acto comezará ás 13.00 horas. Finalmente, o 14 de marzo, ás 18.00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filosofía, desenvolverase un coloquio arredor da webserie Sophias.
Cultura
O Grupo Chévere interpretará As Fillas Bravas de Momán en Filoloxía, o mércores 8, ás 13.00 horas, no Salón de Actos da Facultade. Pola súa parte, Filosofía, que xa organizou unha sesión de cinema experimental e animación con dez curtametraxes realizadas por mulleres entre 1929 e 1979, acollerá nos vindeiros días sesións de reflexión e debate tomando como punto de partida diversos títulos cinematográficos. Este mesmo centro organiza, con inscrición previa, un trivial feminista o vindeiro 16 de marzo, ás 18.00 horas, na Aula 1 da Facultade de Filosofía.
O programa de actividades da USC para conmemorar o 8M irase nutrindo con novas accións ás que se pode acceder na páxina web da Oficina de Igualdade de Xénero.