Aberta a convocatoria de bolsas para estancias predoutorais de docentes e investigadores de América Latina
A USC abriu a segunda convocatoria de bolsas destinadas a financiar as estadías de investigadores, docentes e estudantes de posgrao de centros de América Latina conducentes á realización dunha tese doutoral en cooperación coa institución compostelá. Estas axudas atenden a unha das maiores demandas actuais do sistema de Educación Superior de América Latina como é a formación de doutores, ao tempo que potencian os importantes vínculos académicos e de investigación entre a USC e as universidades americanas participantes. O Doutoramento Interuniversitario de Intercambio baséase na planificación de titorías a través de estancias de ata tres meses na USC durante unha serie de anos xunto co emprego dunha contorna de formación en rede para o seguimento continuo de todo o período formativo. Esta modalidade permite compatibilizar as responsabilidades laborais dos profesores universitarios latinoamericanos que realizan unha tese doutoral. O prazo para solicitar estas bolsas permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro e toda a información sobre as mesmas pódese consultar na páxina www.usc.es/es/goberno/vrrelins/portal_internacional/becas_usc_santander.html Iniciativa de cooperación e apoio á formación A USC, coa colaboración do Banco Santander, convocou estas axudas de Doutoramento Interuniversitario de Intercambio por primeira vez no ano académico 2009-2010. Nesa convocatoria foran seleccionados un total de vintenove profesores e investigadores de universidades de Arxentina, Chile, Colombia, Cuba, México, Panamá e Venezuela.
Esta iniciativa favorece as relacións entre a USC e os centros americanos mediante a través da dirección de teses doutorais, fortalecendo á vez os lazos de colaboración con grupos de América Latina en materia investigadora. Trátase ademais dunha estratexia de apoio á formación e excelencia das plantillas de profesores para que nun futuro estes doutores poidan formar grupos de investigación e iniciar proxectos de doutorados nas súas universidades de orixe.