Aberta a inscrición no curso de psicomotricidade e estimulación para persoas maiores
Para facilitar que as persoas maiores poidan desenvolver as súas capacidades e fomentar a súa autonomía é necesario promover procesos orientados e personalizados dende un enfoque multidisciplinar. Con este obxectivo, a Fundación USC Deportiva e Aventi Gestión Deportiva 360º organizarán o vindeiro outono en Santiago un curso de formación en psicomotricidade e estimulación para persoas maiores. O obxectivo é formar multidisciplinarmente profesionais de diferentes sectores que teñan que planificar, implementar, xestionar e avaliar actividades físicas adaptadas a persoas maiores. Dividido en tres grandes bloques –a saúde e o envellecemento activo, psicomotricidade e actividades físico-recreativas e planificación e recursos-, está impartido por diferentes profesionais con grande experiencia docente nese ámbito. O curso ten unha duración de 56 horas presenciais e terá lugar durante os meses de outubro, novembro e decembro. Existen descontos por pronto pago e para diversos sectores profesionais e de estudantes.