Ir o contido principal

Aberta a inscrición no seminario sobre cultura e territorio de México

A cultura e o territorio de México centrarán o vindeiro xoves, 14 de abril, un seminario organizado polo Departamento de Xeografía, o Idega e o grupo de investigación Gist-Novos Medios da USC. Trátase de reunir a calquera persoa interesada na xeografía humana, a historia, a antropoloxía, a socioloxía ou o sistema político do país americano coa fin de potenciar os intercambios académicos, en formación e investigación entre as universidades de Galicia e México.

En concreto, a profesora da USC María Luisa pazos e Felipe Cabrales, da Universidade de Guadalaxara, tratarán no seminario cuestións relacionadas co turismo cultural e desenvolvemento rexional identificando posibilidades na industria do tequila en Jalisco e na historia e a imaxe da Cidade de México.

Cun enfoque antropo-xeográfico e sociolóxico a profesora da Universidade de Vigo Águeda Gómez de la Universidade de Vigo exporá as relacións de xénero e o matriarcado en comunidades de Galicia e México, mentres que Alejandro Nuricumbo, do ITC-Oaxaca, ofrecerá nunha orixinal conferencia musical a visión da morte na cultura indíxena mexicana.

O programa complétase cunha análise histórico-xeográfica da Nova Galicia e de Santiago de Compostela en México a partir de imaxes e cartografía por parte de Carlos Ferrás, da USC; e a testemuña de Manuel P. Cota para ilustrar a vida dos emigrantes galegos do municipio de Avión en México. Rematará a xornada cunha sesión na que se evidenciarán diversos tópicos fronte a experiencias persoais concretas e reais.

O foro ‘México. Espazo e Sociedade’ desenvolverase na Facultade de Filosofía, e para participar nel hai que inscribirse previamente enviando un correo electrónico a gist-formacion [at] usc.es (gist-formacion[at]usc[dot]es).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.04.2016.