Aberto o prazo para inscribirse na XXV edición do Programa de Extensión Cultural de Astronomía da USC

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da USC abriu o prazo para inscribirse na XXV edición do Programa de Extensión Cultural de Astronomía (PECAS). Dentro da convocatoria da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da USC e co apoio loxístico da Facultade de Óptica e Optometría, o OARMA abre ata as 14.00 horas do xoves día 4 a matrícula desta oferta didáctica astronómica ben consolidada na USC.
Durante mes e medio o estudantado e membros dos colectivos de PDI e PAS que participen terán ocasión de realizar observacións visuais e telescópicas nocturnas; tamén haberá unha observación solar, montaxe dun telescopio automatizado, manexo do planisferio e dúas charlas. Das 60 prazas, 10 delas estarán reservadas para o público en xeral; o alumnado de graos poderá obter un crédito ECTS por asistir ás sesións do Programa.
Nesta ocasión actuarán como profesores: Luca Piccotti, Jorge Gómez, Ángel Costas e mais José Ángel Docobo, quen foi o promotor e director do Programa nas 25 edicións desta experiencia docente que comezou no ano 1997 e que soamente deixou de ofertarse dous anos por mor da COVID-19.
