Abordan en Dereito a violencia de xénero desde múltiples perspectivas
A Facultade de Dereito da USC congrega dende este luns e ata o mércores 31 a recoñecido persoal experto en materia de violencia de xénero, que tratará de maneira especial cuestións referidas á xustiza restaurativa e á mediación penal. Especialistas do eido da psicoloxía, a Universidade, a maxistratura ou a avogacía participan así no Congreso Internacional ‘Mediación e violencia de xénero’ que se inaugurou nun acto no que participaron o reitor Juan Casares; a directora do congreso, Raquel Castillejo; o director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez; o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadena; e o decano da Facultade de Dereito, Luis Míguez. Logo da apertura tivo lugar a presentación de cuestións preliminares relativas á violencia de xénero, para continuar cun panel sobre os retos da xustiza actual nesta materia no que participaron a xuíza do Xulgado de Violencia sobre a Muller número 3 de Lugo, Estela San José Asensio, e as profesoras da USC Raquel Castillejo e Lourdes Noya. Pola tarde, logo da intervención da profesora de Lingüística Xeral Teresa Moure, ten lugar unha sesión de aproximación multidisciplinar á violencia de xénero na que tomarán a palabra especialistas en psicoloxía, dereito penal e procesual. Sesión do martes O congreso continúa este martes 29 nunha sesión que comezará coa intervención dos catedráticos de Dereito Procesual das Universidades de Castela A Mancha e Sevilla, Nicolás González-Cuellar e Isabel González Cano, respectivamente, sobre o papel de vítima e vitimario perante a Xustiza Restaurativa. Seguiranlle os relatorios de Ramón Gacía e Teresa Armenta, das Universidades de Lleida e Girona, respectivamente, que enfrontarán os principios de legalidade e oportunidade e os relacionarán coa mediación.
A xornada continuará pola tarde cunha exhaustiva presentación do concepto de mediación penal a cargo do catedrático de Psicoloxía da Universidade do país Vasco, Ramón Alzate; do conselleiro permanente do Estado, José Luis Manzanares; e do catedrático da Carlos III Víctor Moreno Catena. Rematará a sesión cun panel dedicado ao novo paradigma da Xustiza Restaurativa coa participación de Gonzalo Quintero e Francisco Muñoz Conde.
O congreso desenvólvese na Facultade de Dereito da USC. Foto: Alfonso-Servimav