Ir o contido principal

O acceso libre da muller á universidade conmemórase con dúas mesas redondas na Escola Politécnica de Lugo

‘A muller e a enxeñaría: presente e futuro a debate’ é o título xenérico das actividades que se desenvolverán este mércores 19 e o xoves 27 de maio no Salón de Actos da Escola Politécnica Superior de Lugo para conmemorar o centenario da Real Orde do 8 de marzo de 1910 pola que as mulleres podían estudar libremente nas universidades españolas.
Os actos comezarán ás 18:00 horas deste mércores cunha mesa redonda na que se lembrará a loita ata o acceso das mulleres ás titulacións en Enxeñarías Agroforestais. As enxeñeiras agrónomas Ruth Barros e Cristina Cabaleiro; a enxeñeira de montes Raquel Zolle; a xerente da empresa ‘Ximena Enxeñaría’, Eva Mª Salvador; e a enxeñeira forestal María Xosé Rebolo intervirán neste encontro para presentar as súas experiencias profesionais.
Topografía e Obras PúblicasCatro mulleres relacionadas coas Enxeñarías Técnicas en Topografía e Obras Públicas tomarán o relevo na mesa redonda que se desenvolverá ás 18:00 horas do vindeiro xoves 27. Nesa xuntanza participarán a enxeñeira en Cartografía e Xeodesia, María Iniesto; e as enxeñeiras en Topografía Concepción Fernández, Cristina López e Jennifer Martínez.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.05.2010.