Ir o contido principal

Alumnado de Pedagoxía crea unha canle de YouTube con material didáctico que promove un uso seguro da Rede

A iniciativa desenvolveuse no marco da materia Formación en Rede, diríxese á mocidade galega de entre 13 e 16 anos e concíbese como “unha aventura interactiva”
A iniciativa desenvolveuse no marco da materia Formación en Rede, diríxese á mocidade galega de entre 13 e 16 anos e concíbese como “unha aventura interactiva”
O proxecto R.E.D.E.S é froito do traballo desenvolvido por estudantado de 4º curso e diríxese á mocidade galega de entre 13 e 16 anos
Santiago de Compostela

Promover un uso seguro da Internet e das redes sociais é a meta que persegue o proxecto R.E.D.E.S, unha nova canle didáctica, interactiva e en galego de YouTube, elaborada por alumnado de 4º curso do grao en Pedagoxía da USC. A iniciativa desenvolveuse no marco da materia Formación en Rede, diríxese á mocidade galega de entre 13 e 16 anos e concíbese como “unha aventura interactiva” na que as persoas usuarias, en primeira persoa, poderán aprender acerca da contorna dixital “obtendo ferramentas de utilidade para identificar situacións de risco nas redes e desenvolver competencias sobre o uso das mesmas de xeito seguro”.

Para a concepción e deseño deste proxecto, o alumnado levou a cabo unha investigación na que participou máis dun centenar de escolares galegos. Deste xeito, constataron que o 62% do estudantado non modifica as contrasinais e un 35% compárteas coas súas amizades. Ademais, un 28% foi vítima de estafas por compra, ciberbullying, suplantación de identidade, publicación e difusión de contido sen permiso ou hackeo de conta.

Xulia, a protagonista

A aventura xira arredor da personaxe de Xulia, unha rapaza que se ve envolta nunha serie de contratempos nos que ten que tomar decisións como empregar unha tarxeta de crédito para mercar, decidir se enviar unha foto moi persoal ou saber se a persoa coa que está falando é de verdade quen di ser. “Todas estas opcións conducirán a Xulia e a persoa que esta detrás da pantalla a reflexionar sobre os actos que realizamos no mundo virtual e as consecuencias dos mesmos. No proxecto R.E.D.E.S., en función das decisións que se adopten, os resultados son diferentes”, explica o alumnado promotor da iniciativa.

O proxecto contén pílulas informativas con contidos útiles en base á temática do vídeo e ás decisións tomadas a través “dun xeito desenfadado e próximo á adolescencia”, sinalan. Deste xeito, proporciónanse recursos de interese para aquelas persoas que se poden ver envoltas nalgunhas situacións como as que Xulia experimenta. “Que pasos seguir no caso de sufrir unha estafa, a onde acudir se es vítima de ciberacoso ou como actuar se che hackearon a conta” son algunhas das cuestións nas que as persoas usuarias desta canle poden profundar a través dos ollos de Xulia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.12.2022.