Ir o contido principal

Analizan a accesibilidade dos museos e ofrecen unha proposta de intervención en Galicia

Analizan a accesibilidade dos museos e ofrecen unha proposta de intervención en Galicia
Analizan a accesibilidade dos museos e ofrecen unha proposta de intervención en Galicia

Analizar a accesibilidade dos museos galegos para formular alternativas que permitan a inclusión e a participación de personas con discapacidade na vida social e cultural. Ese é o propósito do libro La accesibilidad de los museos: visiones y perspectivas. Una propuesta de intervención en Galicia (Andavira Editora) que este mércores se presentou no Museo das Peregrinacións.

Dirixiron o traballo a profesora da USC Rosa Margarita Cacheda Barreiro e Moisés Lamigueiro Romeo, responsable das Áreas de Familias e Social de Fademga Plena inclusión Galicia. Os resultados desta investigación formaron parte do proxecto ‘Museos, accesibilidade e discapacidade en Galicia’ desenvolvido no Departamento de Historia da Arte da USC ao amparo do grupo de investigación Iacobus e nel colaboraron tamén organizacións que apoian a persoas con discapacidade como FADEMGA ou COGAMI, ademais do estudo de arquitectura Liquen Estudio.

Como sinalou a profesora Cacheda, o proxecto “é un exemplo de cómo podemos, desde diferentes organizacións traballar conxuntamente e posibilitar os cambios necesarios para que as contornas resulten máis inclusivas e respectuosas coas persoas, independentemente das súas circunstancias vitais e persoais”.

Neste senso, a investigación centrouse nos museos e centros de arte pola súa vontade de servizo público, o seu potencial para fomentar a participación social e cultural e por ser lugares de encontro e deleite individual e colectivo onde se comparte e transmite unha forma de ver o mundo.

Na presentación deste mércores participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo Suárez; a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro Vázquez; o director do grupo Iacobus e decano da Facultade de Xeografía e Historia, Juan M. Monterroso; a profesora Rosa M. Cacheda; e a directora de Antavira, Lucila Ventoso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.05.2016.