Analizan na USC o estado actual das investigacións sobre poder, imaxe, opinión pública e propaganda na Idade Moderna
‘Poder, imaxe, opinión pública e propaganda na Idade Moderna’ é o lema elixido para a cuarta edición do seminario ‘Obradoiro de Historia Moderna’, que se desenvolve estes días no Paraninfo da Universidade. A formación, desenvolvemento e uso das representación do poder nesta época histórica multiplicouse de xeito extraordinario nos últimos anos, alcanzando ao mesmo tempo consistencia e solidez. O obxectivo do seminario é presentar os resultados dalgunhas investigacións recentes e debater sobre métodos de investigación e fontes documentais relacionadas cos procesos de formación da opinión pública política entre os séculos XVI e XVIII, e cos recursos simbólicos empregados polo poder para facerse presente ante a sociedade. Máis concretamente, búscase achegar unha visión global das imaxes que de si mesmo tratou de dar o poder rexio na época moderna ata os cambios introducidos polo debate constitucional de 1810-1812, dos recursos utilizados por outros poderes relevantes como o eclesiástico e o nobiliario, e sobre o uso para estes fins de elementos iconográficos, literarios e por suposto o emprego da prensa periódica. As intervencións programadas abordan cuestións básicas como a construción simbólica do poder rexio, as representacións doutros poderes como o eclesiástico e o nobiliario, os recursos propagandísticos postos ao servizo do poder e a propaganda bélica na Ideade Moderna. Programa A sesión comezou co relatorio do profesor da Universidade de Zaragoza Eliseo Serrano Martín sobre ‘Imaxes do rei e identidade do Reino nos rituais e celebracións públicas en Aragón no século XVI’ para continuar co profesor da Jaume I Víctor Mínguez Cornelles que reflexionou sobre ‘ Iconografía da batalla de Lepanto. Arte, propaganda e representación simbólica dunha monarquía universal e católica’. A imposición da Casa de Borgoña e as proclamacións constitucionais de 1812 no Noroeste peninsular completaron as intervencións da mañá. O resto das sesións, que inclúe a presentación do número 19 da revista Obradoiro de Historia Moderna, correrán a cargo de especialistas das Universidades de Coimbra (Portugal), Santiago, Vigo, Carlos III de Madrid, Huelva e Barcelona.