Analizaron polo miúdo na USC a evolución e estado actual da economía galega
Numerosos especialistas analizan dende onte na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais a evolución e o estado actual da economía galega. Fano no Congreso ‘50 anos de Economía en Galicia’, que conmemora o inicio dos estudos en Galciia, precisamente nesta Universidade.
A xornada deste venres abordou temáticas como o mercado de traballo, os sectores agrario e forestal,; o turismo como fonte de riqueza, os servizos financeiros e os cambios na banca, o gasto público e a situación de Galicia en España e na UE.
O mercado de traballo reuniu a Alberto Meijide Vecino, Laura Hospido Quintana e Juan Ramón García López, que incidiron no aumento nas desigualdades salariais nos últimos anos e amosaron con certo optimismo as consecuencias dos cambios tecnolóxicos na sociedade e no mercado de traballo e indicouse que non se debe ser pesimista, pois os cambios tecnolóxicos fan aparecer novas profesións.
Os cambios no sector agrario e forestal artellaron a mesa composta por Xosé Luis Quiñoá López, Edelmiro López Iglesias e María Loureiro García, onde se apuntou que hoxe, en Galicia, só o 21% do territorio está explotado economicamente. En relación á loita contra incendios, destacouse que o máis importante é anticiparse á posibilidade e a reacción inmediata. O fundamental é a xestión de territorio con redución de combustible acumulado. Mostráronse tamén resultados de estudos sobre o impacto económico dos incendios en Galicia, que se cifran en perdas de ao redor de 600 millóns de euros.
María Nava Castro Domínguez, Jose Antonio Fraiz Brea e Fidel Martínez Roget son os relatores no papel do turismo, que representa máis do 11% do PIB e do 12% do emprego do país. Incrementar a duración das estadías, reducir a estacionalidade turística, incrementar o peso do turismo internacional e orientar a actividade nunha senda de desenvolvemento sostible, na que todos os axentes saian beneficiados, son algúns dos retos que se deben afrontar nun futuro inmediato.
No relatorio servizos financeiros e os cambios na banca estiveron José Antonio Redondo López, Juan Ramón Quintás Seoane e Francisco Domínguez Martínez. O profesor Quintás reflexionou sobre o entorno no que se xestou e desenvolveu esta grande crise financeira e como o marco regulamentario impediu garantir a estabilidade financeira do sistema. Pola súa banda, Francisco Domínguez achegou a súa visión crítica sobre a deriva das entidades financeiras que, tendo un marcado compromiso social, asumiron riscos. Por último, abordouse a contribución da ciencia financeira no século XX e, en especial, a falta de resposta á actual crise que puxo en evidencia a teoría financeira clásica. Os novos paradigmas que intentan dar resposta aos evidentes fracasos teóricos serán obxecto de reflexión.
O encontro continuou coa mesa sobre o gasto público, con Luis Caramés Viétez e Miguel Ángel Vázquez Taín. Para eles, tras a última crise, alcanzar o axuste ao mesmo tempo que unha lentísima reactivación só podía facerse grazas á demanda exterior, como aconteceu noutras crises. A pregunta que xorde é se ese motor vai a ter un longo percorrido ou se só é capaz de actuar en momentos excepcionais como o presente, tras pasar a proba dunha devaluación, sexa interna como a actual, ou da divisa, como foron as anteriores.
A última sesión Galicia en España e na UE correspondeulle a Emilio Pérez Touriño e Jaime Barreiro Gil, que explicarán como boa parte do tempo de construción da nova Europa foi tamén o de asentamento definitivo da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.
O congreso clausurouse nun acto no que participaron o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez García; a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Maria Dolores Álvarez Pérez; e o vicedecano de Asuntos Económicos, Fidel Martínez Roget .