Ir o contido principal

Unha aplicación avaliará o desenvolvemento motriz na infancia

Unha aplicación avaliará o desenvolvemento motriz na infancia
O equipo está formado por investigadores da USC e da UVigo. Foto: DUVI
USC e UVigo traballan nunha ferramenta que lle permitirá ao profesorado de Educación Física medir este tipo de habilidades e programar actividades para a súa mellora
Santiago de Compostela

Unha ferramenta informática poderá avaliar o desenvolvemento motriz dos nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, ese é o eido no que traballan investigadores da USC e da UVigo para avaliar esta competencia na educación primaria. Este proxecto pon o foco na infancia xa que o correcto desenvolvemento destas habilidades contribuirá a xerar actitudes positivas futuras cara o exercicio físico. Neste senso e en virtude desta aplicación, o profesorado poderá medir este tipo de habilidades e programar actividades para a súa mellora. 

“O desenvolvemento motriz na infancia ten unha relación directa coa cantidade de actividade física que despois se realiza na adolescencia. Asemade, a adquisición destas competencias ten tamén consecuencias psicosociais xa que os nenos e nenas mellor desenvoltos neste tipo de habilidades teñen tendencia a levarse mellor entre eles, o cal pode supoñer tamén un problema de integración para aqueles outros e outras menos desenvoltos”, sinalan dende este proxecto de investigación dirixido polo profesor da USC Cristian Abelairas, e por Ezequiel Rey da UVigo. No proxecto tamén toman parte a Carmen Neiro do CHUS e Geno Rodríguez, investigador do grupo Esculca da USC, así como o coordinador do grupo Remoss, Roberto Barcala, e a tamén investigadora do grupo Cristina Varela. A investigación foi seleccionada na convocatoria ‘Retos de la sociedad’, do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades. 

“Na actualidade, o profesorado de Educación Física mide este tipo de competencias un pouco a ollo. O que pretendemos con esta ferramenta é que estes profesionais podan dispoñer dun mecanismo de medición obxectivo que mesmo pode chegar a ser empregado por pediatras ou por familias”, destacan.

“Habilidades como camiñar, correr, ou saltar son adquiridas na infancia grazas á práctica, ao xogo libre, ás clases de educación física, a unha instrución cualificada ou á utilización dun material didáctico axeitado”, sinalan dende o proxecto.  Entre os 2 e os 9 anos sitúase a etapa con maior capacidade pata lograr aprendizaxes motrices que logo perduren ao longo da vida. As persoas que non as adquiran correctamente teñen máis posibilidades de desenvolver unha vida adulta máis sedentaria, o que á súa vez pode orixinar que “esta persoa teña problemas de saúde asociados á inactividade física polo mero feito de que ninguén lle ensinou a moverse ben”, conclúen. 

Cronograma da investigación
A primeira fase deste proxecto, de tres anos de duración, centrarase nunha revisión exhaustiva da literatura científica ao respecto para coñecer que tipo de probas poden empregarse para esta avaliación. O seguinte paso será definir unhas serie de probas que permitan avaliar e cuantificar o grao de desenvolvemento destas habilidades, para finalmente trasladalas a unha aplicación informática que poida ser empregada por profesorado de primaria nas aulas. Asemade esta ferramenta pode ser de utilidade para os técnicos que traballan con escolas deportivas de base. A última fase do proxecto centrarase en testar a eficacia deste sistema cunha mostra representativa de escolares galegos. Esta avaliación, apuntan os investigadores, permitirá á súa vez extraer unha serie de conclusións respecto das idades óptimas de desenvolvemento de cada unha das actividades.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.12.2019.