Aprobada a prórroga para a construción do Centro Tecnolóxico de Industrias Lácteas como anexo do Cetal
A Comisión de Seguimento do convenio para a construción e equipamento das novas instalacións da Aula de Produtos Lácteos de Lugo, reunida esta mañá en Santiago, acordou conceder unha prórroga para a execución de dito proxecto co fin de levantar o novo centro como anexo ao edificio en construción do Centro Tecnolóxico Alimentario (Cetal). Tal e como explicou o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, no momento no que se garante a prórroga estase a dar un novo paso despois da fusión das fundacións Cetal e Cetil (Centro Tecnolóxico de Industrial Lácteas) co fin de non duplicar servizos e integrar ambos centros de cara ao futuro, “ porque no momento no que se aproba a fusión non ten sentido contar con dous edificios independentes”. García Herradón participou esta mañá na xuntanza da comisión de seguimento celebrada na sede do Igape en Santiago e integrada por dous representantes da USC, dous da Dirección Xeral de Investigación do Ministerio, outros dous membros da Consellaría de Innovación e un representante da Delegación do Goberno en Galicia. A USC contaba xa cun proxecto para a construción do centro tecnolóxico lácteo na zona das Gándaras, posibilidade que se descartou ao permitir o convenio establecer unha prórroga para a execución e aproveitar os fondos do convenio subscrito entre a USC, o Ministerio de Ciencia e a Consellaría de Industria para emprazalo a carón do novo Cetal. No caso de non terse prorrogado, as obras terían que estar executadas antes do 31 de decembro, pero coa nova situación acordada esta mañá poderase aínda tirar da partida reservada polos fondos do programa Feder 2007-2013 para financiar o Cetil no novo emprazamento. Queda agora que o Concello dea un novo paso no compromiso formal da cesión da parcela anexa aos terreos onde se está a construír o Cetal, despois de que o alcalde, José López Orzco, xa se comprometera publicamente sobre este punto.