Ir o contido principal

Arranca a segunda convocatoria das bolsas Santander de prácticas en pemes para 5.000 estudantes

Ata o 31 de xaneiro permanece aberto o prazo de inscrición na segunda convocatoria do programa de ‘ Bolsas Santander de Prácticas en pemes’ que permitirá a 5.000 estudantes universitarios de toda España realizar en 2013 prácticas profesionais remuneradas en calquera das empresas participantes. Cada persoa beneficiaria da bolsa percibe 1.800 euros distribuídos nos tres meses que duran as prácticas. O obxectivo é complementar a formación universitaria, achegar o alumnado ao ámbito profesional, ampliar os seus coñecementos e favorecer o contacto con empresas para así facilitarlles a súa inserción laboral. Para participar, as persoas interesadas deben dirixirse aos centros de orientación e información ao emprego das súas universidades, que serán as que asignarán as prácticas de acordo con criterios de transparencia e mérito, coñecemento de idiomas e a valoración da candidatura por parte da empresa nunha entrevista persoal. A iniciativa, financiada integramente por Banco Santander a través da súa División Global Santander Universidades, naceu en 2011 grazas a un convenio asinado entre o Banco Santander, a Conferencia de Reitores de Universidades Españolas e a Confederación Española da Pequena e Mediana Empresa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.11.2012.