Ir o contido principal

Arranca a edición máis numerosa do Maratón Fotográfico do Campus de Lugo

Participantes na XVIII edición do Maratón Fotográfico do Campus de Lugo
Participantes na XVIII edición do Maratón Fotográfico do Campus de Lugo
Os 64 participantes inscritos deberán tomar imaxes sobre aspectos relacionados coa crise económica, o Lugo oculto e un terceiro de temática libre

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón, e o fotógrafo lucense Eduardo Ochoa deron a coñecer o martes 30 de outubro os temas sobre os que deberán tratar as fotografías da XVIII edición do Maratón Fotográfico do Campus de Lugo. Os 64 inscritos (a cifra máis alta de todas as edicións realizadas) deberán tomar imaxes relacionadas coa crise económica, o Lugo oculto e un terceiro tema de carácter libre. O prazo límite de entrega das fotografías elixidas por cada participante (unha por cada un dos temas propostos) son as 14.00 horas do mércores 31. Aínda que a inscrición está aberta ao público en xeral, o maratón conta cunha importante presenza de alumnado procedente do campus lucense, ademais de representación do profesorado e do persoal de administración e servizos. Un total de 58 participantes decantáronse pola modalidade de fotografía dixital, mentres que os seis restantes concursan na modalidade analóxica (catro en soporte en branco e negro e dous en soporte a cores). Trátase da primeira edición en que se poden presentar a concurso fotografías a cor. Este ano a contía dos premios increméntase ata os 250 euros para a mellor fotografía de cada un dos tres temas propostos e un premio especial de 400 euros (que leva o nome do fotógrafo Carlos Valcárcel) para a mellor colección de fotografías dun mesmo autor nos tres temas propostos. Como nas edicións anteriores, ao remate do certame a organización editará un catálogo coas fotografías gañadoras e unha escolma de entre o resto de imaxes presentadas a concurso. O Maratón Fotográfico configura unha das actividades máis consolidadas e con maior éxito das que se promoven desde o programa Lugo Cultural, do que forman parte, ademais da USC, o Concello de Lugo, a Deputación Provincial de Lugo e a Xunta de Galicia. Para esta actividade cóntase tamén coa colaboración do grupo cinematográfico Fonmiñá.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.10.2012.