Ir o contido principal

Arrincan os Cursos de lingua e cultura galegas con estudantes de 25 nacionalidades

Foto de grupo das persoas participantes nesta 31 edición. Foto: RQ
Foto de grupo das persoas participantes nesta 31 edición. Foto: RQ

Os Cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’ que organiza o Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC e a Real Academia Galega (RAG) en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña arrincaron este luns na Facultade de Filosofía coa benvida aos participantes.

Nesta trixésimo primeira edición participan un total de 75 estudantes procedentes de Alemaña, Arxentina, Bélxica, Brasil, Reino Unido, República Checa, Chile, Colimbia, Croacia, Cuba, Ecuador, Estados Unidos, Francia, Hungría, Irlanda, Italia, Marrocos, México, Polonia, Portugal Rusia, Singapur, Suíza e Xapón. Do Estado español, chegan de Andalucía, Cataluña, Madrid, Estremadura e País Vasco. A metade deles veñen cursar o nivel elemental, pero o resto repártese entre os niveis medio e superior.

Na cerimonia de apertura, que presidiu o vicerreitor de Profesorado Ernesto González Seoane, interviñeron o director dos cursos, Henrique Monteagudo; o director do ILG, Xosé Luís Regueira; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; e o presidente da RAG, Víctor Fernández Freixanes.

Durante todo o mes de xullo as persoas participantes asistirán a sesións teóricas e prácticas así como a relatorios a cargo de especialistas sobranceiros do eido cultural e social galego, un programa académico que completarán con obradoiros musicais e excursións.

O alumnado procede de 25 nacionalidades de todo o mundo. Foto: RQ De esquerda a dereita: Xosé Luís Regueira, Goretti Sanmartín, Ernesto González, Víctor Freixanes, Valentín García e Henrique Monteagudo. Foto: RQ

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.07.2018.