A Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades remata coa xuntanza do seu Consello Xeral
A Asemblea Xeral do Grupo Compostela de Universidades pecha este martes o seu programa de actividades coa clausura do seminario sobre ‘Balancing the books: revenue generation strategies in HE’ e a celebración da xuntanza do Consello Xeral Anual do Grupo.
No Centro de Estudos Avanzados o seminario ‘Balancing the books’ concluíu o seu programa, aberto ao conxunto da comunidade universitaria. Na sesión deste martes foron dúas as mesas de debate, a primeira sobre cómo potenciar a vocación emprendedora das universidades e unha segunda sobre a xestión dos riscos no entorno emprendedor.
Entre os asuntos tratados nestas dúas sesións analizouse a capacidade de atracción da USC para os alumnos estranxeiros ou a necesidade de optimizar a xestión para un mellor aproveitamento dos recursos universitarios. Interviñeron en representación da USC José L. Villaverde, coordinador da Oficina de Valoración Financeira e Transferencia, a profesora Loreto Fernández e Lanzada Calatayud, da Oficina de Cursos Internacionais.
Completando o programa de actividades desta Asemblea Xeral, o Grupo celebrou tamén este martes 21 no CEA unha sesión plenaria do seu Consello Xeral Anual. A clausura do encontro celébrase na Casa Europa a partir das 18:30 horas.