Ir o contido principal

A Asocación de Amigos do Museo de Historia Natural da USC organiza o I Concurso de Fotografía da Natureza

Cartel do I Primeiro Concurso de Fotografía de Natureza
Cartel do I Primeiro Concurso de Fotografía de Natureza
Os participantes, tanto afeccionados como profesionais, poden enviar as súas propostas ata o 31 de maio

A Asociación de Amigos do Museo de Historia Natural da USC (MHN) convoca a primeira edición do Concurso de Fotografía da Natureza. Está dirixido a fotógrafos afeccionados e profesionais, sen límite de idade. O prazo para entregar as propostas remata o 31 de maio, dentro do horario do MHN. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas fotografías cuxa temática estea relacionada coa natureza como, por exemplo, paisaxes, plantas, animais, rochas, minerais ou organismos microscópicos.

As fotografías deben presentarse impresas en papel e en formato dixital. A imaxe física ten que montarse nun paspartú de 40x50cm, cun grosor mínimo de 1,4 mm e máximo de 2mm. O arquivo dixital enviarase en formato JPG de 300ppp de resolución. A convocatoria admite calquera técnica ou procedemento dixital ou de laboratorio, en cor ou en branco e negro. As fotografías deben ser inéditas.

As fotografías en papel entregaranse persoalmente, por correo postal ou mensaxaría no Museo de Historia Natural da USC (Parque Vista Alegre s/n 15705 Santiago de Compostela). No dorso da fotografía deberá figurar o título da obra e o lema do autor e, aparte, nun sobre pechado co título e lema do autor achegarase una folla na que consten o mesmo título e lema, nome e apelidos do autor, dirección, teléfono, correo electrónico e o documento de cesión de dereitos de imaxe e protección de datos. Os arquivos informáticos enviaranse a comunicacion.museohistorianatural [at] usc.es (comunicacion[dot]museohistorianatural[at]usc[dot]es), indicando no texto da mensaxe o lema da fotografía.

O xurado seleccionará 30 das obras presentadas para elaborar un catálogo. Ademais, expoñeranse, en primeiro lugar, no Museo de Historia Natural da USC e, posteriormente, noutras institucións galegas que o soliciten. Entre as obras seleccionadas, decidiranse as tres gañadoras. O primeiro premio ten unha dotación económica de 300 euros. O segundo é de 200 euros e o terceiro de 100 euros. O fallo do xurado producirase no mes de xuño de 2018 e darase a coñecer tamén na páxina web da Asociación. A entrega de premios farase no acto de inauguración da exposición das 30 fotografías seleccionadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.05.2024.