Ir o contido principal

Astronomía para todos os públicos

Astronomía para todos os públicos
Astronomía para todos os públicos
O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC desenvolve esta fin de semana un congreso destinado ao público en xeral

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC organiza esta fin de semana, entre o sábado 9 e o luns 11, un Congreso de Astronomía destinado ao público en xeral baixo o lema ‘O camiño das estrelas. As estrelas do camiño’. Incluída na programación do Xacobeo 2010, trátase dunha iniciativa, co cupo de asistencia pechado dende hai tempo, na que se mesturarán conferencias e relatorios impartidos por destacados especialistas pero presentadas nun nivel accesible para todos. A inauguración terá lugar este sábado ás 10:30 horas na Fundación Caixa Galicia de Santiago (Rúa do Vilar, 19) coa intervención do vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González, e do director do Observatorio Astronómico da USC e presidente da Comisión de Estrelas Dobres e Múltiples da Unión Astronómica Internacional, José Ángel Docobo Durántez. A ela seguiralle unha conferencia de Francisco Sánchez Martínez, director do Instituto de Astrofísica de Canarias, titulada ‘Paisaxes cósmicas’. A continuación intervirán Antonio Elipe Sánchez, director do Grupo de Mecánica Espacial da Universidade de Zaragoza, e Manuel Andrade Baliño e Iván Fernández Pérez, membros do grupo de investigación do Observatorio Astronómico da USC. A sesión reanudarase pola tarde, a partir das 17:00 horas, co relatorio de Borja Tosar, colaborador da Casa das Ciencias da Coruña, titulado ‘Postais planetarias. Unha forma diferente de ver o Sistema Solar’. Tras el, Eduardo Battaner López, catedrático de Astrofísica da Universidade de Granada, explicará a orixe da cosmoloxía, e Ángel Massallé Bainad, presidente da Agrupación Astronómica de Sabadell, reflexionará sobre a existencia de vida no Espazo. A xornada do sábado rematará ás 22:00 horas cunha observación astronómica nas instalacións da USC. Obradoiros prácticos A vertente máis práctica do congreso terá lugar na tarde do domingo no Salón de actos do Colexio Maior Fonseca cunha serie de obradoiros sobre conceptos básicos de Astronomía, reloxos de sol e telescopios. O programa para ese día contempla outra observación astronómica dende o Observatorio da USc a partir das 21:00 horas. O luns, derradeira xornada De volta á Fundación Caixa Galicia, a sesión do luns comezará ás 10:00 horas cunha conferencia de Rafael Bachiller García, director do Observatorio Astronómico Nacional, titulada ‘Vía Láctea: Campus Stellae’. Seguiralle o investigador da USC Iván Fernández Pérez cun relatorio sobre o caso de José Rodríguez González como exemplo do uso das novas tecnoloxías na investigación en Historia da Astronomía’. A continuación intervirán o profesor da Universidade de Cantabria Xavier Barcóns Jáuregui, o investigador da USC Juan Antonio Garzón Heydt e a profesora da USC Josefina Faen Ling Ling. Pola tarde, a partir das 18:00 horas, será a quenda de José María Madiedo Gil, profesor da Universidade de Huelva e membro da Rede Española de Bólidos e Meteoritos, co relatorio ‘Impactos e meteoritos: claves para o estudo da orixe e evolución do Sistema Solar’.

O encargado de pechar o congreso será José Ángel Docobo Durántez coa conferencia ‘Astronomía ao final do Camiño’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.10.2010.