A Aula de Produtos Lácteos recibe este martes a visita de escolares lucenses
A Aula de Produtos Lácteos celebra mañá as Xornadas Divulgativas da Ciencia do Leite (Proxecto Ga-láctica) con motivo da Semana da Ciencia e dirixidas a escolares de entre 10 e 12 anos dos colexios da cidade de Lugo.
O obxectivo fundamental desta iniciativa é amosar á sociedade e máis concretamente aos nenos a importancia da investigación nun sector estratéxico para Galicia ao tempo que se fomenta o recoñecemento do traballo do colectivo investigador galego e se divulga o espírito científico entre os escolares. A visita ten unha duración de hora e media e organízase en tres partes. En primeiro lugar os participantes realizarán unha visita guiada á planta piloto da Aula de Produtos Lácteos, onde verán de preto as diferentes tecnoloxías empregadas na elaboración de produtos lácteos, participando activamente en obradoiros de elaboración de queixo e iogur e en talleres de produtos UHT así como nos procesos de recepción e pre tratamentos. Posteriormente os escolares asistirán a unha charla onde se lles explicará o diagrama de fluxo que segue calquera traballo de I+D+i dende la formulación da idea ata a posta en práctica dos resultados. A parte final da visita consiste nunha degustación dunha serie de produtos lácteos.