Ir o contido principal

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias celebra o Día Internacional do Leite cunha xornada de portas abertas

Escolares dos Ceip As Mercedes e Luis Pimentel de Lugo visitan este venres, a partir das 9.30 horas, as instalacións da APLTA, que tamén ofrece percorridos guiados a adultos

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta) do Campus Terra da USC organiza este venres unha xornada de portas abertas dirixida a escolares, pero tamén a todo o público interesado, co gallo da celebración do Día Internacional do Leite 2017, unha efeméride que coincide tamén co segundo aniversario da inauguración das novas instalacións deste centro universitario.

O programa de visitas comezará a partir das 9.30 horas, cando está prevista a chegada duns 50 escolares de terceiro curso de primaria no Ceip As Mercedes da capital lugesa, unha delegación estudantil á que seguirá outra comitiva duns 70 alumnos de 2º de primaria do Ceip Luis Pimentel, tamén de Lugo.

Durante a permanencia na sede da Aplta, os escolares participantes nesta xornada de visitas poderán coñecer as instalacións do centro, ademais de visitar a planta piloto, onde se lles explicará de xeito básico as tecnoloxías existentes para proceder ao tratamento e transformación do leite, ao tempo que poderán participar en obradoiros sobre a elaboración de iogures e queixo. Estas sesións, durante as que os participantes poderán degustar diversos produtos lácteos, servirán tamén para lembrar ao público máis cativo a importancia do consumo de leite para a saúde.

O persoal da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC estará acompañado durante estas visitas por varios xogadores do Club Baloncesto Breogán, que acudirán á sede da Aplta para sumarse á celebración do Día Internacional do Leite, ademais de para transmitir aos escolares os beneficios que reportan os hábitos de vida saudables.

Os nenos e nenas participantes nesta quenda de visitas recibirán como agasallo unha camiseta conmemorativa, un caderno de actividades de temática láctea e unha bolsa con produtos lácteos, obsequio das empresas colaboradoras: Capsa, Puleva, Casa Grande de Xanceda, Feiraco y Quescrem.

Unha vez rematada a quenda de visitas infantís, as instalacións da Aplta estarán abertas a disposición de todas aquelas persoas interesadas en realizar unha visita comentada das mesmas. O público interesado deberá confirmar asistencia a través dos números de teléfono 600 942 343 ou 600 942 347.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.06.2017.